Ana Pontón presenta un plan de choque de 700 M€ contra a subida de prezos centrado en axudar ás persoas e ás PEMES
“Son as medidas que poría en marcha un goberno do BNG”, destaca, fronte a un Goberno do PP paralizado á espera de resolver as súa liortas de poder
Inclúe 90 M€ para un fondo de rescate social, 175 M€ para empresas e sectores produtivos, 325 M€ en obra pública e 35 M€ para os concellos
En paralelo, o BNG ultima unha proposición de lei de modernización e transformación de Galiza con medidas de carácter estratéxico para o País
A peor crise de prezos en catro décadas require medidas urxentes e por iso o BNG presenta un plan de choque para mobilizar 700 millóns de euros destinados a paliar os efectos dunha inflación do 10,5%, -por riba da media estatal-, plan que levará ao Parlamento para o debate e negociación co resto de grupos.
“Son as medidas que tomaría un goberno do BNG ante a escalada de prezos que está afogando ás familias é ás empresas”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, na presentación do plan de choque, en contraposición á parálise dun goberno do PP que sigue enfrascado nas liortas internas de reparto de poder. “Supeditar os intereses de Galiza ós do PP é unha irresponsabilidade e unha falta de respecto ós galegos e ás galegas sempre, pero máis estando no medio dunha crise e cando máis se necesita un goberno que achegue solucións”, alega.
Pontón detallou as principais propostas dese plan de choque, que inclúe un fondo de recaste social por importe de 90 millóns de euros para axudar ós colectivos máis desfavorecidos con medidas como incrementar en cen euros mensuais o tramo autonómico das pensións non contributivas, que son precisamente as de menor contía; mellorar a prestación da RISGA e facer que sexa compatible coa percepción do ingreso mínimo vital; así como incrementar as axudas para sufragar os gastos básicos de vivenda para as rendas máis baixas.
A segunda gran liña de actuación é un fondo de rescate económico dotado con 175 M€ destinado ós sectores produtivos e ás PEMES, con medidas como un programa para incentivar o consumo no comercio local e hostalería e 40 M€ para o sector primario, tanto agrogandeiro como pesqueiro, en ambos casos moi afectados nos custes de produción polo incremento de prezos.
O plan de choque inclúe como terceira medida un plan de investimentos extraordinario en obra pública, centrado en vivenda, transición enerxética e transición dixital, capaz de mobilizar 325 millóns de euros. En cuarto lugar, un fondo de apoio ós concellos de 35 M€ para compensar a subida da factura da luz e dos carburantes, - cifrada en 100.000 € de media anuais nos municipios galegos-, así como para cubrir a revisión de prezos nos contratos de obra da administración local, que afectan sobre todo á pequena empresa con implantación local.
Por último, o plan de choque que formula o BNG inclúe un fondo de liquidez de 75 millóns de euros para facilitar liñas de financiamento e avais ás pequenas e medianas empresas. “Son as medidas que imos levar ó Parlamento para o seu debate, non esperamos que se aproben na súa literalidade pero si que sexa posible sacar esta proposta adiante a través dunha negociación co resto dos grupos”, indicou Pontón.
A líder nacionalista tamén avanzou que xunto con estas medidas de urxencia, o Bloque está preparando unha proposición de lei con medidas a medio e longo prazo de carácter estrutural, unha proposición de lei para modernizar e transformar Galiza estruturada en cinco áreas estratéxicas.
Área financeira, coa creación do instituto de crédito e investimento; área enerxética coa creación dunha empresa pública de enerxía e unha tarifa eléctrica galega; área de reactivación industrial, para reverter o proceso de desertización na industria da última década e área de reactivación do sector primario, para avanzar na soberanía alimentaria, na produción de alimentos de calidade e na recuperación do medio rural.
Rueda, continuismo puro e duro
“Este País ten potencial pero precisa un goberno á altura e con visión estratéxica pero o que temos é un Executivo do PP paralizado, interino e ausente. Desde logo, no BNG imos seguir traballando con máis empeño que nunca para abrir un tempo novo liderando un goberno que confíe no potencial e na capacidade de Galiza, capaz de deixar atrás a Galiza en pequeno que nos deixa o PP”, concluíu.
Preguntada polo relevo na Xunta, a líder do Bloque ve ao actual vicepresidente Alfonso Rueda como unha opción de “continuismo puro e duro do PP e dunhas políticas que nos deixan unha Galiza peor que a que Feixóo encontrou fai trece anos, unha Galiza con menos servizos públicos, con menos sanidade, con menos industria, con menos sector produtivo. Lamentablemente, Galiza só medrou en débeda pública, en emigración, en desigualdade social e en recortes na sanidade”.