Ana Pontón: “Precisamos mudar o modelo eólico depredador do PP por un novo que beneficie ao país e non ás eléctricas”
Propón políticas para poñer a enerxía ao servizo do desenvolvemento de Galiza fronte ás portas xiratorias entre o PP e as empresas do sector
Apunta á participación pública en proxectos e beneficios e defende unha tarifa eléctrica galega que favoreza ao conxunto da sociedade
A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu a urxencia de desenvolver un novo modelo eólico “que sexa respectuoso co medio ambiente e coas persoas que viven no rural” e “que utilice a riqueza enerxética galega en beneficio do país e non das eléctricas”.
Así o manifestou na mobilización que, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, se desenvolveu en Compostela para exixir un modelo eólico alternativo ao que está impulsando o PP e que, segundo recalcou, “significa depredación do territorio e seguir permitindo que se espolie a riqueza eléctrica que hai en Galiza”.
Neste sentido, Pontón advertiu de que baixo o boom eólico que estamos vivindo atópanse os intereses das eléctricas, “e sabemos das conexións, das portas xiratorias, entre o PP e esas eléctricas”, criticou, logo de recordar a incorporación da ex conselleira de Medio Ambiente a Greenalia e outros casos similares tamén a nivel estatal. “E todos e todas sabemos que ningunha empresa vai financiar ex políticos en consellos de administración a cambio de nada”, subliñou.
Nesta liña tamén lamentou que o Goberno central estea poñendo en marcha “o mesmo modelo” que o PP en Galiza e incidiu en que, fronte a estas políticas, o Bloque seguirá defendendo un novo modelo no que “a enerxía se utilice realmente en beneficio do país”. “A riqueza eléctrica ten que servir para o desenvolvemento de Galiza; xa está ben de gobernar pensando nas eléctricas”, concluíu.