Ana Pontón pon Castrelo de Miño como exemplo da capacidade do BNG para transformar os concellos
Xurxo Rodríguez seguirá liderando un municipio convertido en referente de calidade de vida, servizos sociais e recuperación ambiental, asegura
O alcalde puxo en valor o recoñecemento internacional con distincións de Unicef e da OMS como concello amigo da infancia e das persoas maiores
A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a súa visita institucional ao Concello de Castrelo de Miño para poñer en valor o “extraordinario” traballo realizado pola equipa de goberno local liderada polo alcalde Xurxo Rodríguez que, nunha década, logrou situando este municipio como un referente en toda a provincia de Ourense.
“A chegada do BNG ao goberno marcou un antes e un despois, convertendo ao concello nun referente en política social, en servizos públicos, recuperación ambiental e calidade de vida, aberto e transparente no que a veciñanza é a protagonista”, salientou a dirixente do Bloque.
Pontón cualificou o traballo realizado polo executivo local como “impresionante” e augurou que Rodríguez e a súa equipa volverán contar co apoio da veciñanza para que Castrelo de Miño siga avanzando.
“Vemos un goberno municipal que transformou en positivo este concello e que sigue tendo moitas ideas de futuro”, subliñou, “e quero facer un recoñecemento especial ao papel de Xurxo Rodríguez como alcalde, ao seu impulso e bo facer liderando a equipa de goberno. Hai unha labor extraordinaria, cun balanzo de xestión impresionante porque a potencia do que se fixo é incríbel, e con esa enerxía e esa potencia ten que seguir medrando Castrelo de Miño nos próximos anos”.
Pola súa parte, o alcalde amosou o orgullo pola transformación lograda, da que fai partícipe á veciñanza, e polas promesas cumpridas cando chegaron á Alcaldía.
“A transformación tivo tres aspectos clave, o sector vitivinícola, o río Miño e, por suposto, a nosa veciñanza que nos permitiron levar a cabo un traballo recoñecido mesmo a nivel internacional con distincións de Unicef declarando Castrelo concello amigo da infancia, e concello saudable e amigo das persoas maiores por parte da Organización mundial da saúde”, salientou Rodríguez. O alcalde destacaba que este é o único municipio en toda Galiza que ten estas tres distincións.
“É unha honra ver como transformamos o concello, cumprindo o que dixemos no 2007 de convertelo nun instrumento para mellorar a calidade de vida da veciñanza, fixémolo nunha vila rural do interior onde prestamos servizos de calidade a un prezo xusto, e penso que por iso temos o respaldo que nos leva dado dúas maiorías absolutas”, salientou o rexedor nacionalista.
Pontón aproveitou a visita institucional, -á que tamén asistiu a deputada por Ourense, Noa Presas-, para coñecer a vivenda comunitaria e a casa-niño, a zona de pesca Pescatrelo, o centro cultural e o parque náutico, completando o percorrido polas principais infraestruturas sociais, culturais e de ocio da vila. Finalmente, mantivo un encontro con responsables políticos, militantes e simpatizantes.