Ana Pontón: "O pobo xulgará o que están facendo co galego"

Nunha interpelación ao goberno, a deputada do BNG, Ana Pontón acusou á Xunta de incumprir a legalidade en materia lingüística e negar a realidade da lingua galega

A través dunha interpelación ao goberno galego sobre a situación real do idioma galego, a deputada do BNG, Ana Pontón asegurou que os datos sobre a evolución da lingua “son moi preocupantes” ao que sumou os “incumprimentos flagrantes de ilegalidade por parte da Xunta”.

A parlamentaria afirmou que “o pobo xulgará o que o goberno de Núñez Feijóo está facendo en contra do idioma galego.” Na súa intervención, Pontón tamén aludiu á Carta europea das linguas rexionais e minoritarias, “ un tratado europeo ratificado polo Estado español no ano 2001” e que representa unha política de mínimos esixibles á hora de apoiar as linguas non recoñecidas como linguas do Estado, como acontece coa lingua galega.

A Xunta incumpre a Carta europea de linguas rexionais e minoritarias

O informe, reiterou “é demoledor” e consideramos, “que non se pode seguir coa política antigalega da Xunta con mentiras e manipulación da realidade”. Vostedes, dixo, menten no informe enviado ao Goberno central que despois é remitido ao Consello de Europa e aludiu ao apartado que reflicte o gasto de 3,3 M€ de dobraxe en galego por parte da CRTVG cando en sede parlamentar recoñeceron a diminución drástica desta cantidade e mesmo no último ano non se ten traducido “ningunha película ao galego” por parte da CRTVG.

Por outro lado, a nacionalista tamén se referiu á manipulación que o PP fai da Asociación de medios en galego afirmando que é unha asociación para impulsar e coordinar os medios en galego cando en realidade, a asociación nace para “criticar a política de afogamento que vostedes practican e denunciar os pasos atrás da presenza do galego nos medios”.

Asemade, Pontón denunciou que para rexistrar unha hipoteca en galego, hai que agardar tres semanas ou un mes e no ensino seguen dando pasos atrás que vulneran os principios da carta europea.

O PP segue negando a realidade da lingua galega

Se queren coller a bandeira da lingua, recalcou Pontón, cóllana pero “para defendela e abandonen a política das mentiras que tanto dano fixeron ao noso país.” Deixen de pisar moqueta e saían a rúa, póñanse ao lado das persoas que por quere asinar no SERGAS un papel en galego para unha operación retrasan esa intervención, póñanse do lado dos nenos e nenas que por utilizar o galego nun centro hípico mandáronos para casa, de mulleres que remataron a súa carreira e cando van buscar traballo respóndenlle como pretenden ser contratadas entrando nun despacho de avogados falando galego, “isto é o que está pasando en Galiza” e vostedes seguen mirando para outro lado. O galego é unha lingua, igual de digna que o resto das linguas do mundo pero ten un trato discriminatorio, concluíu.