Galegas 2020

Ana Pontón pide á veciñanza de Pontevedra o mesmo apoio que fai 21 anos concederon a Lores e trasladar os logros desa cidade a toda Galiza

Ana Pontón en Pontevedra
Ana Pontón en Pontevedra
Bará solicita este 12X todo o apoio de todas as persoas que “xa comprobaron o éxito da fórmula BNG”

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, pediu na cidade do Lérez o mesmo apoio que fai máis de dúas décadas a veciñanza outorgou ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, para trasladar os logros desa cidade ao conxunto do país e, ao mesmo tempo, darlle a Pontevedra un goberno “aliado” que camiñe man a man para desenvolver os proxectos desta urbe.

“Hai 21 moitos veciños e veciñas de Pontevedra sumáronse a un soño, o e poñer en marcha un novo proxecto de cidade baseado na confianza no que aquí somos e que quería que Pontevedra avanzara, demostramos que era posible derrotar ao PP e facer que Pontevedra avanzara e eso mesmo é o que queremos facer en toda Galiza o 12X: poñer Galiza en marcha e apostar por un novo modelo de país”, salientou acompañada do rexedor e do cabeza de lista, Luís Bará.

“Levamos no programa a posta e marcha dunha axenda urbana galega que permita trasladar o modelo de Pontevedra ao resto das cidades, un modelo urbano que se anticipou ás necesidades de espazos públicos para o cada día que a COVID19 puxo sobre a mesa. Estamos nun momento decisivo no que as decisións que adoptemos van definir a Galiza dos próximos vinte anos e temos que situarnos na modernidade e na vangarda, desde a confianza e nós e cun programa de goberno que aposta polo potencial do país, pola ciencia e pola innovación, por un novo modelo urbano, que enfronta o desafío da emerxencia climática e que vai erguer Galiza”, explicou.

Para conseguilo, -indicou-, “quero pedirlle aos pontevedreses e pontevedresas que confiaron en Lores fai vinte anos que este 12 de xullo confíen en min para poñer en marcha un novo modelo de país inspirado no bo facer de Pontevedra. Este domingo temos a oportunidade de facer historia cunha muller presidenta liderado un goberno do BNG que confíe e que ame este país”, proclamou.

“O cambio galego é posible e só precisa unha gran mobilización nas urnas e concentrar no BNG todo o voto do cambio galego, o voto de todas as persoas que queren construír unha Galiza orgullosa e con futuro, votando con ilusión e con esperanza. Estaremos á altura e poñeremos en marcha unha nova relación con esta cidade cun goberno aliado na Xunta de Galiza”, comprometeu.

O cabeza de lista do BNG, Luís Bará, pediu á cidadanía que aposte polo cambio transformador liderado por Ana Pontón como no seu día apoiou e se mobilizou polo cambio liderado por Lores. O candidato fixo este chamamento á maioría social do concello, “á xente de todas as idades, de toda condición, do rural e do urbano, á xente nacionalista e non nacionalista”, porque hai unha oportunidade de facer historia coa primeira muller presidenta, alegou.

Bará destacou que Galiza está nunha encrucillada histórica como estaba Pontevedra no ano 1999, cando viña de décadas de gobernos da dereita que “paralizaran a cidade, que a confinaron, a aletargaron”, e deu un grande salto cara ao futuro asumindo un liderado en Galiza e no mundo coas políticas máis avanzadas e transformadoras en materia de dinamismo económico e social en cohesión, innovación e ecoloxía urbana.

O nacionalista fixo fincapé en que o 12X “temos a oportunidade de facer o mesmo en Galiza co liderado do BNG de Ana Pontón”, cun proxecto propio, “pensado dende nós e para nós”; cun liderado integrador como no seu día foi o de Lores. Apelou a dar paso a un cambio que parta “da confianza, do orgullo e de ser conscientes de que podemos chegar alí onde nos propoñemos”. Finalmente, dixo, “o milagre pontevedrés foi posible porque conseguimos o apoio e a participación da maioría social da cidade” e, por iso, solicita o apoio da veciñanza que xa comprobou o éxito da fórmula do BNG.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG