Ana Pontón pide máis apoio para Leticia Santos nas Municipais para consolidar o proxecto do BNG para Moaña
“Intelixente, valente, que non se arruga ante nada nin ante ninguén cando se trata de defender os interese de Moaña, cargada de honradez, con proxecto claro e con equipo que lle están a dar un novo impulso a este concello”. Así definía a portavoz nacional, Ana Pontón, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, no acto de arranque de campaña da formación nacionalista neste municipio.
“Moaña é un exemplo claro de que o BNG ten ideas e un proxecto definido, unha forza política seria, e a equipa que lidera Leticia demostrou que con boas propostas é posible mellorar a vida da xente, e iso é o que leva facendo desde o Goberno local nos últimos tres anos, apostando polas políticas sociais, pola dinamización económica, por defender unha mobilidade diferente para este municipio e para a ría”, salientou.
Pero a dirixente do Bloque tamén ve nos comicios locais de 2019 a oportunidade de poñer “a primeira pedra da derrota de Feixóo, un presidente que non defende os intereses dos e das galegas, como sabedes ben en Moaña onde sufrides a súa incompetencia para xestionar as obras de ampliación de Rande”.
Tampouco na lei de dependencia, ou na defensa dun sistema de financiamento xusto para Galiza e noutras cuestións claves para o país soubo Feixóo exercer como presidente e dar a cara polos intereses dos e das galegas. “Por iso temos que traballar para construír unha maioría social arredor do BNG, para derrotar as políticas do PP. Somos unha forza política á alza e iso vaise notar nas eleccións municipais, porque imos con máis ganas que nunca”, concluíu.