Ana Pontón pide a Feijóo que escoite o clamor da Costa da morte e Galiza contra a venda das centrais
Lémbralle que as centrais do Xallas non están para pagarlle as mordidas do PP ao imputado Villar Mir, e espera que deixe de agocharse tras informes que só dependen da súa decisión política do xefe do Executivo
A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamoulle a Feijóo que escoite o “clamor social” expresado nas rúas de Compostela na manifestación convocada polos traballadores e traballadoras de Ferroatlántica, que pecha as mobilizacións de toda a semana en contra do espolio das centrais dos ríos Xallas e Grande.
“Ten que escoitar o clamor desta mobilización e anunciar alto e claro que vai pechar o expediente de venda e dicir que non vai permitir que empresarios imputados por suposto financiamento ilegal do seu partido político como Villar Mir, acaben facendo caixa cos nosos recursos naturais”, salientou Pontón, que hoxe volveu acompañar ao persoal das plantas de Cee e Dumbria na marcha a pé entre Bertamiráns e a alameda de Santiago.
Pontón foi rotunda ao proclamar que Galiza non está “para pagar as mordidas do PP”, nin pode seguir vendo “como uns poucos utilizan os nosos recursos para facerse de ouro mentres nos deixan despedimentos, precarización laboral e contaminación”, indicou en relación a que a continuidade das plantas da multinacional de Cee e Dumbría dependen da vinculación entre explotación das centrais e explotación industrial.
“A Costa da Morte está aquí hoxe nesta manifestación dando unha nova mostra de dignidade e agardo que Feijóo escoite e se poña do lado que debe estar: do lado desta comarca e do lado de Galiza, e non do lado de empresarios madrileños imputados polo financiamento irregular do seu partido”, concluíu.