“Neste tres meses desde as eleccións vimos de todo. O único que non vimos foi a Galiza”, sintetizou Pontón, “porque para as forzas estatais este país non conta nada e quedou en evidencia dun xeito descarnado que PP, PSOE e Podemos levan Galiza á irrelevancia política con consecuencias tremendamente preocupantes, porque en Madrid tómanse decisións que afectan as nosas vidas e ao noso desenvolvemento como país”, explicou.
Entre cuestións relevantes que marca Madrid, como financiar a nosa sanidade e educación, as peaxes que pagamos por circular pola AP-9, a modernización do transporte ferroviario, o marco enerxético que condiciona miles de empregos ou un sistema de financiamento discriminatorio. “Pero o que nos dixeron nestes tres meses, -recalcou Pontón-, é que os problemas dos e das galegas non van ter solución, porque nin tan sequera están na axenda”.
De feito, a líder do Bloque subliñou que ningún dos 23 deputados e deputadas electos por Galiza introduciu no debate de investidura “unha soa proposta que teña que ver coa defensa dos intereses do país e limítanse a obedecer as directrices das súas direccións madrileñas”.
“É un retrato perfecto da discriminación das forzas estatais e hoxe volveremos ver como no Estado están pendentes de Euskadi ou de Cataluña, das súas posicións e demandas porque van ser decisivos. Alguén está pendente de Galiza? Por desgracia non, porque eses 23 deputad@s van votar o que lles diga Sánchez, Iglesias ou Casado e non van votar coa cabeza posta nas necesidades dos galegos e das galegas”, afondou Pontón.
Ante o “retrato” que deixa o comportamento político das forzas estatais, a líder do Bloque fixo un chamamento para aproveitar o Día da Patria para encher as rúas de Santiago nunha xornada de reivindicación de todas as persoas que pensan que Galiza merece ter un futuro, e que para construílo é preciso un proxecto político propio como o que representa o BNG.
“Fronte a ese retrato de discriminación, agravio e pasotismo co país, este 25 de Xullo temos a oportunidade de mandar unha mensaxe diferente: a dunha Galiza orgullosa que quere tomar as rendas do seu futuro e reivindica outro papel do Estado”, proclamou.
Fortalecer a alternativa de cambio real
“Tomar as rúas para expresar que queremos abrir un tempo novo que deixe atrás o decenio negro de Feixóo, amosar todo o potencial e a capacidade do país, expresar a necesidade de iniciar un novo ciclo político e, por iso, fago un chamamento a todas as persoas cansas de ver que non hai as oportunidades que debería, cansas de ver como o Estado nos discrimina e de ver un Goberno da Xunta incapaz de dar solucións. Sumarse á manifestación que convoca o Bloque para fortalecer a alternativa dun cambio real que pasa polo BNG”, concluíu.
Pontón arrancou a comparecencia ante os medios expresando a condena polo último asasinato machista e trasladando a solidariedade e apoio á familia e amizades de María “nun momento tan duro”, ao tempo que pedía sumarse ás concentracións de repulsa convocadas polo movemento feminista.
Dobre reflexión
Un novo crime contra as mulleres que, segundo a líder nacionalista, obriga a unha dobre reflexión. En primeiro lugar, “a necesidade de abandonar todo conformismo” na loita contra este problema “analizando todo o que falla para corrixilo”, ademais de reclamar máis medios e recursos para combater o terrorismo de xénero.
E, como segunda reflexión, o feito de que existan forzas políticas como a extrema dereita que nega a existencia da violencia machista “alentando un discurso moi perigoso que mesmo lle da osíxeno a esta violencia”. “Non podemos permitir que este discurso se normalice, nin pactar coas forzas que o promoven”, demandou.