Máis alá da habitual propaganda na presentación da contas públicas, unha análise das cifras deixan claro que o proxecto de orzamentos presentado polo Goberno de Feixóo non é que precisa o País para saír da crise e mostran a un xefe do Executivo que insiste en “pensar Galiza en pequeno, cando máis se precisa pensar Galiza en grande”, en palabras da portavoz nacional, Ana Pontón.
“Lamentablemente non son os orzamentos que se necesitan para a recuperación económica, para un novo modelo económico baseado na ciencia e no coñecemento, para enfrontar o reto do cambio climático con decisión; para frear a desertización industrial que ten en risco miles de postos de traballo; para reforzar os servizos públicos nin para avanzar nun novo modelo de coidados que aposte unha rede de residencias públicas”, sintetizou a líder do Bloque tras a Xunta de portavoces.
Tampouco son estas as contas que Galiza precisa para enfrontar retos estruturais como a crise demográfica, porque nin hai medidas de calado para desenvolver o medio rural, nin tampouco para traer de volta ós 200.000 mozas e mozas que colleron as maletas na última década.
En síntese, “son uns orzamentos rutineiros que ignoran que temos que superar a maior crise social e económica en tempos de paz, que non toman nota das leccións que nos deixa a pandemia nin no económico, nin no sanitario, nin no social”, subliñou Pontón, “en definitiva, uns orzamentos cos que Feixóo demostra que segue pensando Galiza en pequeno cando máis se necesita pensar Galiza en grande”.
A portavoz do BNG puxo o foco nalgunhas das propostas máis publicitadas polo Goberno do PP, como a rebaixa do IRPF, “que vai en contra do carácter distributivo da riqueza que deben ter os impostos para quedarse en agasallo fiscal para as rendas máis altas mentres que ten un efecto irrelevante nas rendas das familias e dos e das traballadoras con salarios que están por debaixo da media estatal”, indicou.
De feito, a baixada do IRPF supón menos de 4€/mes para as rendas medias e baixas, pero implica detraer centos de millóns de euros das arcas públicas para financiar servizos sociais, servizos públicos ou a recuperación económica. “De verdade pensa o señor Feixóo que 4€/mes lle soluciona algo ás traballadoras e traballadores? E por contra, supón deixar de ingresar uns recursos que se necesitan para reforzar os servizos públicos, a sanidade ou crear emprego”, alegou. De feito, até a propia Consellería de Facenda elude dar os datos da pírrica repercusión da rebaixa fiscal nas maiorías sociais.
O Bloque tamén convida a analizar as cifras máis aló da propaganda con se adornan na presentación, para comprobar que están lonxe de ser uns orzamentos históricos. Unha propaganda que a líder nacionalista concretou en tres mentiras. A primeira é que o que se presenta como un presuposto histórico non é tal, porque descontados os 220 M€ correspondentes ao IVE de 2017, a contía é inferior á do pasado exercicio, “é máis se traducimos a euros constantes este orzamento é inferior ao de fai doce anos”, destacou Pontón.
A segunda mentira esta na afirmación de que inclúe un gasto social tamén histórico, cando en realidade o incremento das partidas corresponde en gran medida á actualización dos salarios dos e das traballadoras, subida que o BNG apoia pero que non pode facerse pasar por gasto social. E, como terceira mentira, indicar que se reduce o endebedamento, tras triplicar a débeda pública. Desde a formación nacionalista xa se avanza a presentación dunha emenda á totalidade.