Ana Pontón, na homenaxe a Ánxel Casal, convida "a abrir un tempo novo da man do BNG"
Rubén Cela reivindica o legado do alcalde asasinado no 1936 a favor da autoorganización do pobo galego para avanzar na súa soberanía
O BNG organizou ao pé da que fora a imprenta Nós un acto de homenaxe a Ánxel Casal, alcalde nacionalista de Santiago de Compostela asasinado no franquismo. Ademais das intervencións da portavoz nacional, Ana Pontón, e do portavoz municipal, Rubén Cela, actuaron a Requinta de Xián e a actriz Tero Rodríguez, cun monólogo sobre María Miramontes, integrante das Irmandades da Fala e muller de Ánxel Casal. A seguir, dirixíronse ao pazo de Raxoi para pendurar a bandeira deseñada por Castelao co lema Denantes mortos que escravos.
Comezou Ana Pontón cunha lembranza ás persoas que sufriron a represión da ditatura franquista, a vida de Casal foi un compromiso ético a prol de Galiza, fiel ao nacionalismo e á defensa da liberdade porque entendeu que tiña que achegar un grao de area á divulgación da nosa cultura no só co seu traballo político no Partido Galeguista senón para que o libro galego existise, dixo. Recordou o labor de costura de María Miramontes, unha muller nacionalista, feminista e comprometida, que actuou como mecenas da cultura e foi a peza clave para que moitos dos proxectos de Ánxel Casal saísen adiante.
Nunca se pode construír un futuro para a nosa nación dende o esquecemento, por iso no BNG queremos manter viva a memoria e a historia deste país, afirmou. O nacionalismo galego asume como primeira necesidade conseguirmos un cambio de rumbo para Galiza, porque ten que ser o centro das nosas preocupacións sen mirar a Madrid, para construírnos como forza propia e como pobo sen dependencias alleas, proseguiu a portavoz nacional. A política madrileña non nos pode ofrecer nada aos galegos e ás galegas, levamos un ano a ver como os catro magníficos en referencia a Rajoy, Sánchez, Iglesias e Rivera- ofrecen a mesma política de sempre e Galiza está muda na política estatal. Por iso no BNG queremos unha Galiza con voz, con voto e con dereito de veto cando se fale dos intereses do noso país, engadiu.
Así, convidou a abrir un tempo novo da man do BNG, que aposte por un autogoberno real, por un novo modelo financiamento para que os nosos impostos non emigren e se utilicen para evitar os recortes na sanidade e na educación, onde apostemos pola igualdade entre homes e mulleres e por poñerlle fin á lacra contra a violencia de xénero, con igualdade de oportunidades para a xente nova, para darlles traballo neste país e un futuro digno, para poñer Galiza a producir.
Pola súa parte, Rubén Cela, explicou que a gran lección de Casal deixouna na súa acción política co Partido Galeguista, porque era consciente de que a autoorganización do pobo galego era a única posibilidade real coa que contaba Galiza para avanzar na súa soberanía porque nunca viría de fóra, nin de ningunha sucursal, a solución aos problemas da nosa nación.
Antonte lembramos a Galiza Mártir en Pontevedra, explicou Rubén Cela, e agora o asasinato a mans do fascismo de Ánxel Casal, tal día como hoxe hai 80 anos e con el lembramos a Compostela Mártir: a quen sufriu desterro, aldraxes ou torturas, a quen padeceu traballos forzados construíndo o aeroporto de Lavacolla ou a quen padeceu en silencio a violencia menos visíbel, pero non por iso menos dura, como Coralia e Maruxa Fandiño Ricart, as Marías. Lembramos os fusilados en Boisaca e os abandonados sen vida, nas gabias de toda a comarca; Casal foi un deles, engadiu.
Deste xeito, indicou que a Casal o mataron por defender inquebrantábelmente as súas conviccións: a defensa de Galiza e dos seus dereitos nacionais, a democracia, a liberdade e unha sociedade máis xusta e igualitaria. Por ser nacionalista, por non renunciar á construción dunha patria galega libre e xusta, explicitou.