Ana Pontón insta a Leiceaga e Villares a rectificar a moción de censura encuberta ou a presentar unha alternativa de goberno ao BNG
- PSOE e Marea, incapaces de pactar orzamentos en Ferrol, Coruña e Santiago, pactan nunha semana unhas contas contra o modelo de cidade de Pontevedra, alega
- “Non se pode enganar dicindo que non houbo diálogo cando se abriron mesas mesas bilaterais cos grupos da oposición incorporando emendas”
A portavoz nacional, Ana Pontón, insta á dirección nacional de PSOE e En Marea a rectificar a “vergoñenta” moción de censura encuberta en Pontevedra ou ben a dar un paso adiante e presentar unha alternativa de goberno ao que lidera Fernández Lores, despois de que ambas forzas sumasen votos con PP e CD´s nunha gran coalición en versión galega para aprobar unhas contas alternativas.
O “todos contra o PP” mudou nun “todos contra o BNG”, reforzando á dereita fronte a un goberno nacionalista que ten colocado Pontevedra como referente internacional polo seu modelo de cidade. “Se PP, PSOE, Marea e CD`s teñen un proxecto común para Pontevedra o que teñen que facer é presentar unha moción de censura e gobernar”, alegou Pontón.
Neste sentido, a dirixente do Bloque entende que “non pode pasar un só día máis sen que PSOE e Marea a nivel galego nos aclaren se avalan este destrutivo pacto de goberno co PP ou se van poñer un pouco de sentido común nos seus grupos municipais ante o que claramente é un ensaio dunha gran coalición á galega”, indicou nunha comparecencia na que expresou o total apoio do BNG ao goberno municipal.
Pontón salientou o “inédito” da situación, sen precedentes en Galiza e no Estado. “Non se trata de que a oposición tumbe os presupostos dun goberno, senón que nunha semana aproba un orzamento alternativo. Se teñen un modelo de cidade compartido o lóxico é que gobernen xuntos presentando unha moción de censura para desenvolver ese orzamento pactado”, reiterou.
Pontón chamou a atención sobre o feito de que PSOE e Marea logren nunha semana en Pontevedra o que son incapaces de facer nas cidades, mesmo nas que compartían goberno.
“Non son capaces de negociar en cidades nas que tiveron acordos, como en Ferrol, ou nas que apoiaron a investidura de gobernos como na Coruña e en Santiago, resulta que cando están na oposición contra o BNG nunha semana son capaces de conformar un orzamento alternativo”, ironizou. “É decepciónante ver como PSOE e Marea se poñen a bailar ao son que toca o PP para destruír os logros do goberno municipal de Pontevedra”, lamentou.
Por iso, Pontón fixo un chamamento expreso a Pilar Cancela e a Xaquín Leiceaga, polo PSOE, e a Luís Villares por En Marea. “Van parar esta moción encuberta ou van ser cómplices de esta gran coalición á galega?”, interpelaba.
“Sei que o PSOE ten unha situación difícil neste momento en Galiza, non sei se Pilar Cancela ou Xaquín Leiceaga teñen autoridade para frear este despropósito e poñer sentido común no grupo municipal. Se a teñen, pídolles que freen esta moción de censura encuberta”.
Diálogo coa oposición
A Villares, Pontón instouno “a que non garde un silencio cómplice”, ao tempo que amosaba a súa estrañeza polo feito de que “aqueles que se presentaron cun programa de todos contra o PP, agora cambien a un todos contra o BNG, todos contra o goberno de Lores en Pontevedra para derrubar un modelo de cidade”.
Para a dirixente nacionalista esta gran coalición é máis que un voto en contra do BNG, é un voto en contra do modelo de cidade que, dixo, “estou segura non comparten a maioría dos votantes do PSOE ou da Marea. Están malversando a confianza duns veciños e veciñas que non os apoiaron para iso”.
Neste sentido, Pontón pediu aos grupos da oposición “que non enganen” á veciñanza mentido sobre a falta de diálogo do goberno municipal, xa que se negociou durante semanas en comisión bilaterais con todos os grupos da oposición, o que posibilitou a incorporación de propostas aos orzamentos.