Ana Pontón: “Imos dar a sorpresa e Galiza vai ter unha presidenta”
“Ni absolutismos, nin sucursalismos, é tempo de ter un goberno libre para defender este país liderado por unha muller e nacionalista”, proclama
Acto masivo dun BNG que está preparado para gobernar cun proxecto sólido, solvente e de fiar capaz de poñer en marcha unha nova Galiza
Unha intervención na que Pontón deixou claro que o 5A vai haber cambio real liderado polo BNG, a única alternativa cun proxecto de país.
“Quero dicirvos que sinto que o BNG vai dar a campanada, que imos ser a gran sorpresa do 5 de Abril e que o BNG vai a acadar, por primeira vez na historia, que unha muller e nacionalista sexa presidenta da Xunta para liderar o cambio galego”, proclamou, para a continuación detallar todos os argumentos que están detrás desa afirmación.
O cambio real vai estar protagonizado polo BNG, afondou a candidata nacionalista, “porque hai unha maioría social que sabe que temos un proxecto sólido, solvente, de fiar fronte ás promesas vacuas e incumpridas das forzas estatais, e esa maioría quere solucións serias para mellorar o noso futuro, unha maioría que sabe que somos unha forza humilde pero digna, unha forza política que mira cara a adiante, que recoñece os seus erros e aprende deles para mellorar”.
E con esa maioría social, que medra cada día, o Bloque sae a por todas o 5A para abrir un tempo novo e deixar atrás a década de desfeita do goberno do PP. “Feijóo é pasado, por moito que esconda as siglas do PP, e non vou perder tempo en contestarlle as súas matracas e as súas realidades paralelas”, ironizou Pontón. Por contra, fronte a un goberno “absolutista e inútil” do PP, asegurou que unha Xunta presidida polo BNG “será un exemplo de bo goberno, con impulso, con ideas, con solucións e con capacidade para levalas á práctica”.
Cualificación, valores e principios
A líder nacionalista declarou sentirse “preparada” para asumir a responsabilidade de liderar o cambio real, para facer historia e converter en “éxito rotundo” o feito de ter a primeira muller presidenta de Galiza. Neste sentido, apelou á confianza que aportan unhas candidaturas “con persoas de cualificación extraordinaria, con valores e principios. Ter un equipo tan impresionante faime sentir máis forte, máis segura e máis preparada para afrontar con éxito a Presidencia da Xunta”, recalcou.
“Temos os e as mellores e temos un proxecto colectivo, aberto e xeneroso, un proxecto común para este país”, recalcou, para dar carpetazo a un Feixóo que en campaña electoral interpreta o papel de “militante de Galicia” pero despois actúa ao ditado do seu xefe de filas.
Alternativa á desilusión
“Actuou todos estes anos como un mandado e agora non cola a súa interpretación de Galicia primeiro, é demasiado basto”, alegou, tras alertar contra o “virus da desilusión e da resignación que pretende inocular un Feixóo autoproclamado como única alternativa. Si hai alternativa, a do BNG”.
“Non son tempos nin de absolutismos, nin de sucursalismos, basta de subordinación a Madrid, basta de gobernos dirixidos co mando a distancia desde Génova ou Ferraz. E hora de Gobernar Galiza, desde Galiza, é o momento de ter un goberno sen mordazas, sen ataduras liderado por unha muller, feminista, nacionalista coas mans libres para defender este país”, proclamou.
Pontón salientou que Galiza é moito si, moito máis que un slogan “usado sen pudor por quen non cree no país”. “Somos un país con capacidades, recursos e potencial para construír un futuro prometedor, basta decidir desde aquí as nosas políticas, tomar libremente as nosas decisións. O 5A vai diso: do noso futuro, de acreditar en nós, de ter esperanza, de poñer en marcha unha nova Galiza. No BNG amamos este país e sabemos defendelo e facelo avanzar”, recalcou.
A candidata nacionalista retratou unha Galiza ambiciosa que quere producir, investigar, innovar e traballar; unha Galiza acolledora, na que vivir e traballar con empregos de calidade e con bos servizos públicos; un país plural e rico se logra facerse valer e ter voz propia para decidir sobre os propios recursos, aforro, impostos ou política industrial.
Un país moderno e diverso e máis relevante no mundo cando mostra con orgullo a súa identidade, “e no BNG defendemos a nosa lingua e a nosa cultura fronte a un PP cada vez máis centralista e provinciano”. “Galiza é moito, moito máis, moitísimo máis que o país bonsai que representa Feixóo”, subliñou.
“A esa Galiza real, viva, plural, mobilizada e con ganas de cambio é á que hoxe lle quero dicir que o 5A hai que abrir un tempo novo con decisión, con ilusión e con confianza no futuro”, concluíu.
Sabor amargo a eucalipto
O candidato por A Coruña, Xosé Luís Rivas, explicou as medidas para darlle futuro ao rural. “O deseño do PP para o rural sabe a caramelo amargo de eucalipto, a fume de incendios e porco bravo destruíndo os poucos cultivos de horta que nos quedan”. Fronte a isto “queremos crear emprego e fixar poboación con políticas transformadoras para un rural vivo e sostible e para iso urxen políticas para garantir servizos de calidade industria transformadora e camiñar cara a soberanía alimentaria”.
Traballo digno para a xente moza
Olalla Rodil, cabeza de lista por Lugo, deixou claro que un goberno liderado polo BNG terá como prioridade darlle un futuro á xente moza: “é intolerable que a miña xeración e mesmo a que xa nos precede teña que elixir entre precariedade ou emigración, cando vivimos nun país rico”. “Traballo digno e servizos que permitan conciliar son as ferramentas para darlle un futuro á xente moza, e para que volvan @s que tiveron que coller as maletas”, resaltou. Rodil tamén destacou que este é “tempo de mulleres”, e que a loita pola igualdade será “bandeira” dun goberno que vai estar presidido por unha “muller feminista”, concluíu.
Revitalizar a industria
A cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, sinalou o esmorecemento da industria por un modelo neoliberal “afastado dos intereses do país e das súas maiorías sociais”. “Temos a metade da gran hidráulica do país, ríos e terras desfeitas polos encoros, somos a galiña de ouro para as eléctricas” destacou Presas. O 5A “temos a oportunidade de abrir unha nova páxina dándolle a volta á situación e lograr que estes país se beneficie da súa riqueza”.
Paixón, orgullo e convencemento
O cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, apelou ás emocións e ao orgullo de pertencer a unha organización con “paixón, amor pola nosa terra e o noso pobo, con corazón, con afouteza, con convicción e con determinación”. Bará destacou que cando o PP fala da posibilidade de que goberne o BN, “danos unha enorme motivación”. “Sabedes por que teñen medo? Porque temos soños, porque temos un proxecto transformador para a maioría social, porque somos a voz da esperanza e do futuro deste país”, subliñou, tras instar á mobilización para “saír a por todas”.
O acto, presentado polo dramaturgo Quico Cadaval, tamén contou coas intervencións da portavoz municipal Goretti Sanmartín, do número dous por Lugo, Daniel Castro, da número tres por Pontevedra, Alexandra Fernández, e da número catro por A Coruña, Rosana Pérez.