Ana Pontón: “Galiza vai facer historia da man do BNG”
Desde Vigo pide unha gran mobilización e sumar no Bloque todo o voto do cambio galego para darlle ao país un goberno leal liderado por unha muller nacionalista e feminista
Bará destaca que un Goberno da Xunta encabezado por Ana Pontón “será un aliado” desta cidade e empezará a traballar con Vigo desde a colaboración
A candidata á Presidencia, Ana Pontón, pediu desde Vigo votar o 12X “con ilusión, con esperanza e desde o orgullo” rachando coa rutina para deixar atrás once anos de inmobilismo e decadencia. “Este domingo Galiza vai facer historia da man do BNG”, proclamou, tras apelar a unha mobilización masiva na urnas concentrado na candidatura que lidera o voto do cambio galego, “o voto nacionalista, galeguista, progresista, todo o voto de país”.
“Se toda as persoas que queremos abrir un tempo novo expresamos ese desexo nas urnas, o cambio galego é imparable e conseguiremos algo tan revolucionario como darlle a Galiza un goberno leal co país, un goberno leal coa xente deste país liderado, por primeira vez, por unha muller na Presidencia. Imos dar a sorpresa o 12X e por iso está tan nervioso o PP ”, recalcou.
A candidata do BNG tamén deixou claro que o seu será o goberno da “igualdade real” para as mulleres e que colocará “ás persoas no centro da actuación política”, o que implica unha defensa a ultranza dos servizos públicos, traballando desde o primeiro día para reverter recortes e privatizacións, e polo coidado dos maiores, cun modelo asistencial público que garanta o dereito a unha vellez digna.
A partir do 12X “imos erguer este país, imos construír unha Galiza nova e eu quero ser a presidenta desa nova Galiza e tendes o meu compromiso de que un Goberno do BNG non lle vai fallar a Vigo e non lle vai fallar a este país”, recalcou.
A diferencia do candidato do PP, Pontón comprometeuse a ser unha presidenta “que sempre lle vou dicir a verdade aos galegos e as galegas e que sempre, sempre vou dar a cara cando haxa problemas”, alegou, tras salientar que este país non se merece un presidente “irresponsable” que actúa con “calculo electoralista” mesmo poñendo en risco a saúde das persoas como está pasando co rebrote da Mariña.
As urnas van castigar a irresponsabilidade e mentira de Feixóo
“Estou segura que tanta irresponsabilidade e tanta mentira van recibir a resposta que se merece na urnas, empezando pola propia comarca da Mariña, que vai sepultar nas urnas a montaña de irresponsabilidade, a montaña de mentiras do candidato do PP, estou segura que vai recibir unha resposta contundente no conxunto de Galiza e moi especialmente por parte da veciñanza da Mariña”, salientou, “merecemos unha presidenta que diga sempre a verdade e que sempre poña por diante a saúde das persoas”.
Mensaxe á xente moza e ás persoas indecisas
A tres días da cita electoral, Pontón pediu un esforzo final, en particular á xente moza, -“antes de anda votar, despois xa iredes a praia ou ao que toque”-, e fixo un chamamento especial as persoas que aínda non teñen decidido o seu sufraxio ou que dubidan acudir ás urnas.
“Que ningún voto do cambio galego quede na casa, que non se perda ningún voto do cambio real e quero dirixirme aos galegos e galegas que, votasen o que votasen noutros momentos, hoxe miran con simpatía ao BNG, aos que ilusiona unha Galiza cunha muller presidenta nun goberno que mire polo noso, e quero pedirvos que non votedes outras alternativas sen convicción porque é o momento de votar co corazón, con orgullo, con esperanza e con ilusión para a partir do 12X empezar a poñer unha nova Galiza en marcha!”.
O cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, afirmou que “está en marcha un novo ciclo político e non só é un cambio político ou electoral, senón que é todo un cambio mental porque está nacendo unha nova Galiza, un país con ilusión, con confianza en si mesmo, con determinación e valentía que o domingo vai encher as urnas de voto para o Bloque”.
Bará cualificou esta como a campaña da ilusión “porque o BNG de Ana Pontón está mobilizando a enerxía e a esperanza dun pobo”, xa que ao seu entender, “hai milleiros de persoas de todas as idades e condición que están sumándose ao cambio galego, que queren un país que teña á fronte unha presidenta con ideas novas para saír do letargo e do desánimo”.
En clave local, destacou que Vigo precisa dun goberno aliado e non inimigo. Subliñou que o BNG traballará dende o goberno da Xunta para paliar o déficit de atención da cidade olívica motivado “polas liortas partidistas entre PP e PSOE”, e para potenciar Vigo como o motor de Galiza, como un polo tecnolóxico e industrial centrado na innovación e na investigación.
Bará subliñou a aposta pola reindustrialización e destacou que é preciso coidar sectores básicos para a cidade e a área de influencia como o naval e a automoción, así como potenciar outros punteiros porque “a especialización e a diversificación son o futuro”.
No ámbito das infraestruturas apostou por un plan integral de mellora da mobilidade, un ‘Plan Vigo’ de investimentos que fomente o ferrocarril de proximidade, o Plan de Transporte da Área Metropolitana, o transporte marítimo de ría e a mellora da rede viaria con actuacións como a construción do túnel de ‘Julián Estévez’ ou a urbanización da PO-330 en Pereiró.
Nomeadamente citou o rescate da AP-9 e inmediatamente a gratuidade do treito entre Redondela e Vigo, así como a urbanización do tramo urbano que atravesa a parroquia de Teis e anunciou que o BNG tamén implantará un plan de mellora de transporte de mercadorías por ferrocarril conectando o Porto de Vigo e todos os nodos loxísticos da área coa rede do corredor Atlántico de mercadorías por ferrocarril.