Ana Pontón: “Galiza é unha incubadora de miseria e fábrica de emigrantes”

A deputada negou a imaxe que transmite o Partido popular dunha “Galiza idílica e sen problemas”

Pleno. A deputada do BNG, Ana Pontón defendeu hoxe as emendas nacionalistas aos orzamentos da consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e aos entes que dela dependen.

Na súa intervención, Pontón negou a “imaxe idílica e sen problemas de Galiza” que defende o Partido popular e pola contra afirmou que hoxendia, “Galiza é unha incubadora de desemprego, cos salarios e pensións máis baixos do Estado e unha fábrica de emigrantes”.

A deputada falou da “fuga de cerebros e da fuxida de mozos e mozas que van traballar en precario fora do noso país”, condicións, dixo, que teñen moito que ver coas políticas que o PP aplica en Galiza e que estes orzamentos tamén recollen.

No debate das das emendas á consellería de Medio Ambiente, Territoiro e infraestruturas, Ana Pontón cualificou os orzamentos de “incubadora de miseria e desigualdade” e nesta política inscríbense as políticas de vivenda e de tributos aos cidadáns como o canon da auga e o lixo, “unha suba abusiva”.

Mentres son rebaixados os salarios, os cidadáns son castigados con novos incrementos na luz, no lixo e auga para compensar as empresas aseguradoras que foron beneficiadas con concesións de obra pública.

Fronte a esta política, engadiu, dende o BNG presentamos alternativas con políticas que priorizan a vivenda social, outro modelo para a xestión de residuos, políticas para a conservación da natureza e o saneamento integral das nosas rías.

A deputada lamentou que “a falta de diálogo do Partido popular” impida que prosperen algunhas das emendas defendidas pola oposición e nomeadamente polo BNG, “sabemos que ningunha delas vai ser atendida polo grupo parlamentario do PP porque segue convencido de que a Cámara galega e receptorio das iniciativas do Goberno que teñen que ser recollidas acriticamente polo resto dos grupos”.

A parlamentaria reiterou que o Partido popular situou na “marxinalidade” as políticas de vivenda cunha caída do 32 por cento nun momento no que se rexistra o maior número de desafiuzamentos, “nós, dixo destinamos nas nosas emendas 27 millóns de euros” para tentar resolver parte do problema.

Aposta polo transporte público e o ferrocarril

O transporte público tamén foi outro dos ámbitos no que o BNG presenta emendas contra o recorte de servizos e para impulsar o transporte metropolitano, “necesitamos un ferrocarril” e unha compañía ferroviaria pública galega porque resulta “un delirio” gastar miles de millóns públicos en modernizar o ferrocarril para que finalmente os galegos e galegas non nos poidamos comunicar a través del.

Convenio de Barreiros exemplo de urbanismo depredador do PP

Sobre o convenio de Barreiros, a deputada reclamou a súa supresión por representar un claro exemplo do “urbanismo depredador” que defende o Partido popular e o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarouno ilegal polo que volveu pedir a súa supresión pero a Xunta de Galiza “segue mantendo a súa chulería por riba da lei”, concluíu.