Santiago de Compostela, 8 de Maio 2019.- A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a sesión de control para denunciar a política lingüística do PP que ten entre os seus “logros” que o galego sexa a única lingua do Estado que perde falantes e un retroceso de vinte anos na súa presenza no ámbito educativo, -segundo denuncia a propia Real Academia Galega-, tras a entrada en vigor do chamado decreto do plurilingüismo.
Neste contexto, Pontón instou ao presidente da Xunta que cumpra a lei, desde o Estatuto de Galiza ao Plan de Normalización. “A súa política lingüística resúmese nunha gran mentira: a imposición do galego. O señor Feixóo inventou as fake news moito antes de que se falara delas, nisto si que foi pioneiro”, ironizou, tras reprocharlle ao PP que comparta propostas con Cs e a extrema dereita “para converter o galego en lingua de segunda”.
Tras lembrar que o Estatuto establece a obriga dos poderes públicos de potenciar o galego “en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento”, Pontón enumerou as medidas do Goberno de Feixóo que están detrás do retroceso da lingua propia.
“Suprimir a proba de galego no acceso á función pública, incumprir o plan xeral de normalización, menos galego no ensino e prohibición de usalo nas matemáticas ou na ciencia, excluír o galego do 92% das escolas infantís nas cidades, implantar unha aplicación que impide o uso do galego na xustiza, cargarse a oferta para público infantil e xuvenil da TVG, recortar máis dun 50% o apoio ao sector do libro e deixar os orzamentos de normalización lingüística reducidos a 1/3 de fai dez anos”, explicou.
Pese a esta folla de servizos e a compartir puntos do programa electoral con Cs e Vox, Pontón espera que a nova “viraxe ao centro” iniciada polo PP tamén se deixe notar na lingua, e permita a Feixóo acabar coa súa política “en contra do galego”.
“Despois do pasado sábado, ese sábado do perdón na Carballeira do Pino, quen sabe, quizais pode cambiar algo, porque alí fixo un acto de contrición e proclamou que desde ese momento o PP abandonaba o pensamento único, abandonaba a intransixencia e agora si son de centro”, ironizou. “Esa viraxe o centro implica tamén abandonar a intransixencia contra o galego para empezar a cumprir o Estatuto e a Lei de normalización lingüística?”, interpelou.
Na quenda de réplica, Pontón lamentou que, como é habitual, Feixóo evitase responder e se limitase “a manipular, igual que fai na TVG como denuncian desde fai un ano os e as traballadoras nos chamados venres negros, pero xa lle digo que non me vai poñer unha mordaza”, e volveu a tirar de ironía neste caso co xiro no argumentario do presidente da Xunta, “parece que agora en vez do bipartito o seu gran argumento é Vox, vox, vox, pero non estaban vostedes centrándose?”.
Ante a obsesiva referencia de Feixóo á extrema dereita na súa intervención no Parlamento galego, a líder do Bloque foi contundente na resposta: “Quen goberno con Vox é o PP”.
Pontón demandoulle ao xefe do Executivo que empece por derrogar o decreto contra o galego aprobado en solitario polo PP, “que quebrou o uso do galego nas aulas facendo retroceder a presenza do noso idioma ao nivel dos anos 90”, e que tome as medidas necesarias para evitar a perda continuada de galegofalantes empezando por cumprir o que marca o propio Estatuto de Galiza.