A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón pediu hoxe ao Presidente da Xunta, desmarcarse da proposta do Partido popular defendida por Pablo Casado para converter a lingua galega nun idioma de segunda.
Pontón lembrou que Pablo Casado, durante a campaña para ocupar a presidencia do Partido popular, afirmou en Santiago de Compostela: “Gustaríame falar en galego. Lo hago en la intimidad” pero agora, dixo, a portavoz do BNG, vai máis alá e quere converter o galego “nunha lingua de segunda” no ámbito público. Polo que preguntou a Feixóo se está “a favor ou en contra do seu líder Casado que quere converter o galego nunha lingua de segunda”.
OFENSIVA DE CASADO E O PP CONTRA O GALEGO
Ese Casado, “fiel herdeiro da caverna de Aznar”, sigue atacando a diversidade lingüística, e ten a ousadía de dicirnos que hai que prescindir do idioma galego para acceder a un emprego público no noso país.
Resulta que segundo este señor, que é de Palencia e que hai uns días pretendía explicarnos ás mulleres que era estar embarazadas, agora tamén quere explicarnos aos galegos e galegas que para traballar na Administración deste país, “non fai falta”, saber a lingua propia. «El conocimiento y uso del castellano será un requisito indispensable para el acceso a un empleo público.Las lenguas cooficiales podrán considerarse un mérito, nunca un requisito», isto, é o que defende Pablo Casado, remarcou Pontón, “exactamente o mesmo que propón a extrema dereita”. Queda claro, “por que lles resulta tan fácil pactar con eles”.
Esta proposta do seu partido, señor Feixóo, engadiu a nacionalista, vai contra o Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística e a Lei de Función Pública pero sobre todo, “vai en contra do dereito dunha persoa que vive en Galiza para poder usar con liberdade o galego na Administración pública.”
Para que unha persoa que vive na Galiza e poda usar con liberdade o galego, na Administración pública ,ao outro lado ten que haber alguén que coñeza e fale galego, porque esa é a única maneira de non coartar a súa liberdade e dereito a usar a lingua propia.
FEIXÓO E AS SÚAS MENTIRAS DE ATAQUE AO GALEGO
Sr. Feijóo, vostede xa protagonizou algúns dos momentos máis tristes da historia deste país, xa usou “a mentira, e patraña da imposición do galego” por intereses electoralistas, rompendo os acordos e dividindo aos galegos e galegas. “Non repita esa vergoña”, manifestou Pontón.
A portavoz do BNG pediu ao Presidente da Xunta non agocharse nos papeis que lle preparan os seus asesores, que por certo, dixo, “pagamos moi caro todos os galegos e galegas” e responda con claridade. “Diga se está a favor ou en contra da proposta do seu partido: Diga se comparte con Casado que o galego deba ser considerado unha lingua segunda”.
De “previsible e cutre” cualificou Pontón a resposta de Feixóo que, unha vez máis eludiu responder a cuestión formulada pola nacionalista. Na réplica, Pontón insistiu na súa pregunta e respondeu que o único “sarcasmo” é pedirlle os votos aos galegos e galegas para que Casado poña en marcha “unha Lei de Lenguas” que discrimina o galego. “Vostede non é capaz de saír da súa submisión ao Partido popular de Madrid”, concluíu.