A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo un chamamento á cidadanía a mobilizarse en defensa do galego o próximo 17 de Maio fronte ás políticas desgaleguizadoras dun Goberno do PP que, “lonxe de estar orgulloso da súa lingua”, leva máis de 15 anos “torpedeando o futuro do noso idioma”.
“Este 17 de maio é unha oportunidade de amosar nas rúas non só o orgullo que temos de ter unha lingua propia cunha gran mobilización de amor polo noso idioma, senón tamén de reclamar un cambio de rumbo nas políticas do Partido Popular”, afirmou para animar á participación na manifestación convocada para ese día pola plataforma Queremos Galego baixo o lema ‘Galego vivo, Galiza viva’.
Logo dun encontro co portavoz da plataforma e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, a líder nacionalista apelou á urxencia de mudar as políticas dun PP “empeñado en torpedear o futuro do galego” e que o levaron mesmo a votar en contra de que a nosa lingua se puidera utilizar nas Cortes do Estado, “unha vergoña” que segundo recalcou, “acompañará sempre” ao actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Pontón exemplificou nesta decisión “unha liña máis que cruzou o Partido Popular en contra do galego” con políticas que traen como consecuencia que, por primeira vez, a lingua propia deixou de ser a maioritaria entre a poboación galega, que o 24% das e dos menores de 14 anos recoñecen que non saben expresarse correctamente no noso idioma ou que estea vixente, por primeira vez en democracia, un decreto que prohibe que o galego se poida utilizar para ensinar matemáticas, física, química e tecnoloxía.
“Os datos demostran que ese cacaraxedo plurilingüismo do PP é un timo, unha fraude que o único que fai é conducir ao monolingüísmo: menos galego e máis castelán”, advertiu para afirmar a continuación que, sen embargo, hai “unha cidadanía que ten orgullo de ter lingua propia e que non quere renunciar a esa inmensa riqueza que temos como País”.
Neste contexto, reclamou ao Executivo do PP a derrogación o decreto do plurilingüismo, “o decreto da vergoña”, e que, como mínimo, cumpra o que di o Plan de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade no Parlamento galego que, segundo dixo, “segue sendo un punto de partida válido para abordar o futuro do noso idioma”.
“A día de hoxe temos un decreto que o que está provocando é que un de cada tres alumnos e alumnas que acaba a etapa obrigatoria di que non domina o idioma galego e, polo tanto, estase incumprindo a legalidade vixente, tanto o Estatuto como a Lei de Normalización Lingüística”, alertou para afirmar que, só este dato, obriga a “unha reflexión en profundidade sobre a onde nos están conducindo as políticas contra o galego do Partido Popular”.
A portavoz nacional reclamou políticas a favor do galego en todos os ámbitos da sociedade, dende os medios de comunicación, á xustiza, o comercio ou o propio funcionamento da Administración, con “pasos decididos que permitan que a nosa lingua recupere espazos” e poida ser utilizada con normalidade. “Hai demasiados ámbitos nos que o galego está nunha posición de desigualdade, cunha discriminación evidente, e a Administración galega debe traballar para garantir o futuro para o noso idioma”, afondou.
A defensa do galego é unha das cuestións que tamén levará o BNG a Europa, concorrendo ás próximas eleccións europeas cun programa que, segundo avanzou Pontón, recolle dous compromisos moi claros en relación co idioma.
O primeiro, impulsar que se cumpra a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias que foi aprobada polo Consello de Europa con importantes compromisos para a protección dos idiomas propios e que, a día de hoxe, “segue sen cumprirse en Galiza”.
E en segundo lugar, o Bloque vai pular para que a lingua galega sexa recoñecida oficialmente nas institucións europeas, o que permitirá non só gañar igualdade de trato e prestixio, senón tamén recursos importantes para o avance do noso idioma, co mesmo apoio que teñen outras linguas que forman parte da realidade europea. “É evidente que o galego existe e o que non ten moito sentido é que ese recoñecemento oficial se estea postergando porque non deixa de ser unha discriminación para o noso idioma”, concluíu.