Ana Pontón: “Estamos fartas de escoller deputad@s que din unha cousa aquí e fan outra en Madrid”

Critica que Feijóo apoie a candidat@s do PP que no Congreso boicotean os intereses de Galiza, tras coñecer que Ana Pastor veta o traspaso da AP-9

Advirte que a Xunta ultima unha liña de axudas polas inundacións que deixa fora aos concellos máis afectados como Cuntis, Carballo ou Sada

A portavoz nacional, Ana Pontón, considera que os galegos e as galegas teñen dereito a que, a partir do 26X, os representantes electos polo país defendan o mesmo en Galiza que en Madrid, tras coñecer que a cabeza de cartel do PP por Pontevedra, a ministra Ana Pastor, inicia a precampaña comunicando que non é posible a transferencia da AP-9 pese a reclamación unánime do Parlamento.

“Estamos fartas de escoller deputados e deputadas que en canto chegan á Madrid esquecen os nosos problemas, a vella política das forzas estatais de dicir unha cousa aquí e outra fora, queremos representantes que defendan o mesmo no Parlamento galego que no Congreso”, salientou Pontón, tras cualificar de “escándalo” que o PP presente unha candidata que anuncia que votará en contra da transferencia da AP-9.

“Xustamente a ministra responsable de que se subiran as peaxes, mentres baixaban os salarios”, polo que a portavoz nacional insta ao PP “a dicir a verdade, porque temos dereito a saber se os candidatos e candidatas que apoia o señor Feijóo van defender a posición aprobada polo Parlamento galego o van defender a posición de Audasa”.

Pontón fixo estas declaracións durante a visita ao Concello de Cuntis xunto co candidato por Pontevedra, Luís Bará, onde mantiveron un encontro cos responsables municipais e locais do BNG, que cogoberna no municipio. Unha das cuestións abordadas foron as consecuencias das recentes inundacións, tras advertir a portavoz nacional que a Xunta ultima unha liña de axudas que inicialmente exclúe precisamente aos concellos máis afectados, como Cuntis, Carballo ou Sada.

“Sabemos que mañá mesmo vai haber unha reunión entre a FEGAMP, Xunta, deputacións e administración central para abordar as axudas aos concellos que sofreron as inundacións, onde podería darse o disparate de que os municipios máis afectados queden excluídos das axudas para reparar os danos”, advertiu Pontón.

Para a portavoz do Bloque “sería un sin sentido que Rueda permitirá que aqueles concellos máis afectados fosen precisamente os que non tivesen axudas públicas por parte da Xunta”, concluíu.