Ana Pontón establece como prioridades colocar Ferrol no mapa das infraestruturas, dos investimentos e do debate político

Visita Ferrol
Visita Ferrol

Como propostas: axudas ao sector do marisqueo e recuperación da ría, avanzar nun modelo de cidade aberto ao mar, reactivar a construción naval civil, modernizar o tren e que o Estado pague impostos

“Imos traballar para que reciba un trato xusto por parte do Estado e da Xunta”, salientou a portavoz nacional

A portavoz nacional, Ana Pontón, secundada polo deputado por Ferrol Ramón Fernández e polo portavoz municipal, Iván Rivas, explicou nun encontro informativo cos medios as prioridades do BNG para a cidade que pasan, sintetizou a líder nacionalista, por sacar Ferrol “da sombra” para colocalo na senda da reactivación económica, dos investimentos e dun novo modelo de cidade.

“Ferrol ten problemas pero temos que traballar para poñelo no mapa das infraestruturas, dos investimentos e do debate político para que reciba un trato xusto por parte do Estado e da Xunta, e porque hai outro modelo de cidade posible e no BNG imos traballar para facelo posible tanto desde o concello como desde o Parlamento e o Congreso”, proclamou.

En relación ao modelo urbano, para o Bloque pasa por abrir Ferrol ao mar, por unha aposta pola humanización e pola rehabilitación do patrimonio construído co barrio de Recimil como referente o que, ademais, suporía poñer en marcha unha política de vivenda protexida.

“Hai que abrir Ferrol ao mar e conectar os barrios históricos, conseguir que sexa unha cidade deseñada para as persoas, aberta ao mar, con urbanismo de calidade e pensada para a veciñanza”, indicou, destacando que precisamente a pandemia ten posto de relevo a necesidade de espazos públicos de calidade pensados para a cidadanía e para mellorar a vida das persoas. A recuperación de Recimil, explicou, debe facerse coa colaboración Xunta-Estado co obxectivo de convertelo “nun exemplo de actuación de vivenda publica”.

Encontro BarallobreEn relación á reactivación económica da cidade e comarca, Pontón puxo o foco en dous sectores: o naval e o marisqueiro. No primeiro caso facendo fincapé na construción naval civil e en converter Ferrol nun polo de desenvolvemento tecnolóxico arredor dos estaleiros; no outro apostando pola recuperación integral da ría.

“É imprescindíbel acometer os investimentos necesarios nas instalacións do estaleiro, e a incorporación de persoal para abrirse á construción civil. A Xunta e o Goberno central teñen que liderar a recuperación industrial, modernizar os estaleiros, desenvolver un centro de innovación entorno ao sector naval porque non se trata só de cortar chapa”, alegou.

En relación á situación da ría, Pontón considera que o abandono por parte do Goberno de Feixóo e do Executivo do Estado “supón de facto colocar ao sector marisqueiro nun ERE”, posto que das 400 persoas asociadas as confrarías da comarca apenas un 10% está traballando.

Pechar os bancos, axudas e rexeneración

Neste sentido, o Bloque considera que a Xunta debe pechar os bancos marisqueiros da ría de Ferrol e estabelecer axudas ao colectivo de mariscadores e mariscadoras mentres dure esta situación e incluír ás confrarías no desenvolvemento das tarefas para a mellora das zonas produtivas. Igualmente, debe realizar un estudo integral da ría para coñecer os problemas e dar unha solución definitiva a esta situación reclamando ao Estado a limpeza dos fondos mariños, “que lle imos recordar no Congreso”, subliñou.

En materia de infraestruturas, Ferrol debe saír do ostracismo en particular no que se refire ao transporte por tren. “Non hai que actuar tanto na queixa do que non fai o Estado como no que se pode facer desde Galiza, alegou Pontón, porque xa sabemos que desde o Goberno central chega desmantelamento e só lle interesan as liñas que nos comunican con Madrid”.

Como propostas, mellorar a conexión ferroviaria Ferrol-A Coruña e o traspaso á Galiza do FEVE a través dunha empresa pública que xestione o ferrocarril de proximidade.

Por último, o Bloque considera vital conseguir un trato fiscal xusto para á cidade, o que pasa porque o Estado contribúa pagando os impostos que lle corresponde.

“A Ferrol úrxelle mellorar a súa capacidade de financiamento polo déficit estrutural de ingresos”, explicou, “o Estado debe asumir o pago dunha compensación polos terreos e espazos que ocupa na cidade, a incorporar nos orzamentos do Estado como se fixo entre 2003 e 2008, co obxecto de paliar esta perda de ingresos municipais mentres non se modifica o marco legal que avala esta discriminatoria”.

Tras o almorzo informativo, Pontón xunto co Rivas, Fernández e responsables locais mantivo un encontro con representantes do persoal de Navantia e con colectivos de mariscadores e mariscadoras das confrarías para analizar a situación e trasladar a posición do BNG.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG