Ana Pontón: “É esperpéntico que os Franco denuncien a 19 demócratas por reclamar a devolución do roubado”
Pide ao goberno de Sánchez que dea un paso adiante para que os bens roubados polo franquismo en Galiza retornen ao seu lexitimo dono, o pobo galego
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón trasladou hoxe o apoio do BNG ao colectivo -19 de Meirás- na concentración ante o Xulgado de Betanzos onde se iniciaron as primeiras declaracións tras a demanda criminal presentada pola familia do ditador e a Fundación Franco. Para a nacionalista, resulta “esperpéntico” que a familia Franco denuncie a 19 persoas por realizar un “acto cívico, pacífico e democrático para reclamar que o Pazo de Meirás sexa devolto ao patrimonio galego”.
A portavoz nacional do BNG, manifestou que a persecución contra persoas demócratas e defensoras de Memoria histórica fainos pensar que que vivimos nun mundo ao revés porque hoxe, afirmou , quen tiña que estar declarando é a familia Franco que leva “40 anos ocupando un pazo que é patrimonio público galego”. O pazo representa o “roubo e extorsión” a miles de galegos e galegas durante o franquismo e dende o BNG consideramos que as 19 persoas que escenificaron “ese acto simbólico” fixeron unha contribución á democracia. Pontón lembrou que que o debate sobre a devolución do Pazo de Meirás continúa aberto ao igual que a devolución da Casa Cornide ou as estatuas de Isaac e Abraham.
Estas 19 persoas, engadiu a portavoz do BNG, visibilizaron un problema. Se hai xustiza no Estado español, os 19 de Meirás non deben ser sometidos a ningún tramite máis despois da declaración xudicial do día de hoxe polo que pediu “ o peche inmediato do proceso” xa que, ao seu entender, “non existe caso”.
O GOBERNO DE SÁNCHEZ DEBE DAR UN PASO ADIANTE
Pontón explicou que xa se cumpriron máis de dous meses da aprobación no Parlamento galego dunha resolución unánime reclamando que o goberno do Estado “demande á familia Franco porque o pazo non é da súa propiedade”. Tamén existen informes documentados así como vías abertas para que o pazo sexa recuperado e non entendemos porqué aínda non foi iniciado ese procedemento xudicial. ”Cada minuto que pasa sen que o Goberno do Estado interpoña a demanda, é tempo que gaña a familia Franco”.
Para a nacionalista, Sánchez debe “dar ese paso adiante” e poñer a demanda para recuperar o pazo. Pontón asegurou que boa parte da resolución aprobada no Parlamento galego débese aos 19 de Meirás e si eles “foron valentes” tamén cumpre que o sexa o goberno do Estado e deixe de ser conivente cos intereses da familia Franco.
“É de traca, que a Fundación Franco poida facer apoloxía do franquismo e ao tempo vemos como se chama a declarar a persoas que loitan contra o franquismo, reclaman a democracia e denuncian a impunidade que despois de 40 anos siga existindo o franquismo”, concluíu.