Ana Pontón empraza a Feijóo a convocar unha xuntanza para defender a transferencia da AP-9
- A portavoz parlamentaria do BNG insiste na necesidade dunha iniciativa de todos os grupos da Cámara galega en defensa da transferencia da AP 9 e pregúntase se unha posible venda da infraestrutura, é a verdadeira causa do veto no Congreso para a súa transferencia
Trala xuntanza dos portavoces do BNG e En Marea, Ana Pontón e Luís Villares á que non asistiron nin populares nin socialistas, a portavoz nacionalista emprazou a Feijóo a convocar unha xuntanza para defender a transferencia da AP-9.
Ante os medios de comunicación, Pontón lembrou que a pesar da unanimidade na Cámara galega para defender no Congreso a transferencia da AP -9, o presidente en funcións, Mariano Rajoy tentou vetar o debate da iniciativa na Cámara baixa. Nós hoxe, dixo, pretendiamos que estiveran presentes todos os grupos, e de feito tiñamos a confirmación do grupo socialista que finalmente decidiu descolgarse, agardo, dixo, que “esa non sexa a tónica desta lexislatura” e o primeiro paso para implantar “a coalición en Galiza que se está fraguando a nivel do Estado”.
Por outra parte, Pontón tamén se preguntou se unha posible venda da AP-9 é a verdadeira causa do veto no Congreso dos deputados para a súa transferencia a Galiza.
O BNG tende a man ao resto das forzas para reclamar a transferencia da AP 9 a Galiza
Dende o BNG, afirmou a nacionalista, seguimos coa man tendida a todos os grupos para crear “un fronte común” en defensa da dignidade do Parlamento de Galiza e dunha iniciativa que foi aprobada por unanimidade para o seu debate no Congreso coa aspiración de acadar a mesma unanimidade. A AP-9, recalcou, debe xestionarse dende Galiza para rematar cunhas peaxes que cualificou de “absoluta estafa”.Neste sentido, lamentou o “silencio de Feijóo” e que ante un agravio destas características se converta nunha estatua de sal. Cómo é posible que Feijóo a estas alturas non teña respondido? preguntou.
Se finalmente se consuma o veto a unha iniciativa aprobada no Parlamento galego estamos ante unha situación que converte esta institución e aos galegos e galegas en “cidadáns de segunda”. Sen embargo, apuntou, aínda hai tempo para unha resolución antes de que a Mesa do Congreso tome a decisión definitiva e se Feijóo non responde a esta cuestión é porque é “unha pataca quente que quere esconder”. O Bloque, manifestou Pontón non vai ser conivente con ningunha actitude de desprezo cara os galegos e galegas polo que volveu a pedir rigor e establecer un diálogo entre todas as forzas parlamentarias que permita rematar coas abusivas peaxes.
En Marea amosa o seu apoio á reclamación da transferencia da AP-9
Pola súa parte, o portavoz de En Marea, Luís Villares asegurou que a AP-9 merece o apoio de todas as forzas políticas e reclamou que a iniciativa aprobada por unanimidade no Parlamento galego sexa debatida no Parlamento español, o resto, dixo, son escusas porque a transferencia non significa o rescate da concesión. O veto no Congreso colócanos “nun agravio comparativo” en relación a outras nacións do Estado. O parlamento galego, remarcou Villares, merece o mesmo respecto e o grupo parlamentario de En Marea, tanto aquí como en Madrid, levará con firmeza esta reclamación.