Ana Pontón anuncia unha ofensiva institucional e social a favor do rescate da AP-9 para Galiza
- Pide a Feijóo que se pronuncie ante o feito de que o Estado teña 8.000 M€ para as radiais madrileñas e cero euros para AP9. “Nun caso o PP rescata a Bankia e as grandes construtoras amigas, no outro discrimina aos galegos e as galegas”, salienta
- Acto do BNG en defensa da transferencia a Galiza coa Ponte de Rande de fondo, coa presenza de alcaldes e cargos institucionais e municipais
A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou o acto simbólico en defensa da transferencia e rescate da AP9 organizado polo BNG ao pé da Ponte de Rande e anunciou unha “ofensiva institucional e social” para lograr a xestión para Galiza desta vía vertebral e acabar coa estafa legalizada das peaxes máis caras do Estado.
Dentro desa ofensiva, a proposta de Pontón aos líderes de todas as forzas políticas para facer unha “fronte común” dunha reivindicación unánime do Parlamento, expresada onte mesmo nun escrito remitido a Feijóo, Villares e Leiceaga, ante a intención do goberno de Rajoy de vetar no Congreso a transferencia e rescate da autoestrada con argumentos “falsos” que supoñen un “agravio e un menosprezo a Galiza”.
“O Goberno de Rajoy alega que a AP9 conecta con Portugal cando a vía de conexión co país veciño é a A55. Primeiro obstáculo superado porque é falso”, indicaba Pontón, quen tamén botaba por terra o argumento económico.
“Preguntámonos como é posible que o Goberno central teña 8.000 millóns de euros para rescatar unhas ruinosas radiais polas que non circulan ninguén en Madrid e diga que ten cero euros para rescatar de peaxes a AP9 que é a autoestrada que máis beneficios da de todo o Estado?”, interpelaba. “Resulta incomprensible e demostra que a corrupción no PP non só esta só en B na trama Gürtel senón tamén en A través do BOE”.
Pontón censuraba o silencio “do habitualmente locuaz” Feijóo ante un “asunto de país” ao tempo que cualificou de “moi decepciónante” a posición adoptada polos grupos da Mesa do Congreso. “Como é posible que se siga enredando solicitando información e non acepte como democrático que se debata no Congreso unha lei aprobada por unanimidade do Parlamento?”, criticaba.
A portavoz nacional denuncia que se trata dunha “discriminación” e pon o acento ata que punto “a submisión de Feijóo a Madrid está levando a Galiza á irrelevancia política, a que non nos teñan ningún tipo de respecto cuestionando incluso que unha lei aprobada polo noso parlamento poda ser debatida con normalidade ao Congreso”.
O BNG non acepta o veto a esta transferencia e vai poñer en marcha unha ofensiva institucional e social, “porque a cidadanía deste país ten dereito a acabar cunhas peaxes que son unha estafa e temos dereito tamén a xestionar a AP9 desde Galiza”, concluíu.
No acto participaron cargos institucionais nacionalistas, como o rexedor de Pontevedra, a alcaldesa de Moaña, o alcalde das Neves, portavoces municipais da Coruña e Santiago e outros responsables municipais dos concellos situados no Eixo Atlántico, así como deputados electos como Olalla Rodil e Luís Bará.