Ana Pontón: “As emendas do BNG corrixen o maltrato de Feixóo á Coruña apostando por máis benestar social e económico”

Presentación emendas A Coruña
Presentación emendas A Coruña

Suman 88,2 millóns de euros máis para mellorar servizos públicos, -sanidade, educación e atención social-, infraestruturas e mobilidade e sectores produtivos

Jorquera destaca que “recollen os elementos máis substantivos” para a cidade

O proxecto de orzamentos da Xunta para 2020 recolle para Coruña un investimento territorializado de 84 millóns de euros, apenas un 5% dos 1.691 millóns de euros de investimento que o Goberno de Feixóo recolle para o conxunto do país, que traducido en termos per cápita son 340€ por habitante, un 43,5% máis baixo que a media galega.

Para corrixir este trato discriminatorio, o BNG presentou no Parlamento unha batería de 24 emendas que supoñen sumar 88,2 millóns de euros á cidade e comarca, concentrados en tres elementos clave: mellorar os servizos públicos como sanidade, educación e atención social; avanzar en infraestruturas e mobilidade e impulso ao sectores produtivos, nunha área moi castigada pola crise industrial.

“Estamos ante un investimento raquítico insuficiente para A Coruña que deixa sen atender cuestións clave para o futuro tanto da cidade como da área metropolitana”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, na presentación das emendas xunto co portavoz municipal, Francisco Jorquera.

“O obxectivo destas emendas é reverter o maltrato de Feixóo á cidade poñendo sobre a mesa investimentos adicionais que permitan afrontar algúns dos retos pendentes e baixo a filosofía de mellorar a calidade de vida da cidadanía da Coruña e comarca conseguindo máis desenvolvemento económico e máis benestar social”, explicou.

Pontón indicou que as emendas “son unha radiografía das prioridades políticas do BNG na Coruña e pasan por mellorar os servizos públicos, mellorar a mobilidade e abaratar os desprazamentos da cidadanía e, desde logo, apostar polo tecido económico para frear a fuga de postos de traballo”.

En materia de servizos públicos, as propostas que defenderá na tramitación parlamentaria recollen 12 millóns de euros para incrementar ou poñer en marcha novos servizos sanitarios, tanto no ámbito hospitalario como na atención primaria. 9,5 millóns de euros adicionais en educación para mellorar e modernizar instalacións, así como para a construción de novos equipamentos educativos.

En materia de infraestruturas e mobilidade, as emendas supoñen 29 millóns de euros para poñer en marcha novos accesos e conexións viarias, como o tramo da AG-13; 19 millóns de euros para a gratuidade da peaxe da autoestrada AG-55, “medida suporía un alivio nos custes diarios de miles de persoas que se desprazan sobre todo por razóns de traballo entre os municipios da comarca”, indicou Pontón.

E, no relativo aos sectores produtivos; 6,3 millóns de euros para o sector da pesca e marisqueo, 5 millóns de euros para un plan industrial comarcal e outros 5 millóns de euros para poñer en marcha a denominada cidade das TIC en colaboración coa universidade.

Pola súa parte, Jorquera criticou o escaso compromiso inversor da Xunta coa cidade. "Tanto é así que o maior investimento previsto na Coruña  de 15 millóns de euros corre a cargo dunha entidade privada, a Fundación Amancio Ortega". Destacou que as emendas do BNG recollen os elementos máis substantivos das "reclamacións aprobadas polo Pleno do Concello da Coruña" na sesión extraordinaria do 12 de novembro.

Centro de saúde Santa Lucía

Entrando ao detalle, citou a partida destinada ao Plan Director do CHUAC (2,5 millóns de euros); os 4 millóns de euros para a construción do centro de saúde no mercado de Santa Lucía, a dotación de profesionais sanitarios e prestación de servizos no COF do Ventorrillo (250.000 €) e nos centros de saúde da Coruña (1,25 millóns de euros).

No capítulo educativo, destacou os 6 millóns de euros para a modernización de varios CEIPs, a construción dunha escola infantil (2,5 millóns de euros) e a rehabilitación das instalacións do Centro Social Santiago Apóstolo para o seu emprego para usos educativos e sociais (2 millóns de euros).

En política social as emendas recollen unha partida para a construción dun centro de día (1 millóns de euros) e igual contía para ampliar a dotación do Plan Concentrado de Servizos Sociais. O BNG formula tamén emendas para diversas actuacións na Ría do Burgo (6,3 millóns de euros), pór en marcha un plano de desenvolvemento industrial comarcal (5 millóns de euros) e para dotar unha partida específica para a Cidade das TIC (5 millóns de euros).

Supresión da peaxe na AG-55, 19 millóns de euros

Canto ás infraestruturas, o BNG propón aumentar os orzamentos da Xunta en 5 millóns de euros para a estación intermodal e 19 millóns de euros para eliminar a peaxe na AG-55 (A Coruña-Carballo), no mínimo entre A Coruña e Arteixo, ben como 5 millóns para a prolongación da Vía Ártabra (AG-13) até a A-6).

A transformación da fachada marítima tamén recibe a atención do BNG, e retomando o compromiso contraído por Feixóo cando o PP gobernaba no Estado, a formación nacionalista demanda unha partida de 20 millóns de euros “para rescatar os terreos portuarios da especulación".

Finalmente, o BNG propón un Plan contra a ludopatía, dotado con 5 millóns de euros, “pois este é un fenómeno social que castiga especialmente a nosa cidade en particular á xente nova”, indica Jorquera-, e unha achega ao Consorcio de Promoción da Música para saldar a débeda da Xunta coa Orquestra Sinfónica de Galiza.

Con estas emendas "pretendemos canalizar demandas de distintos colectivos sociais e veciñais e dos traballadores e traballadoras do ensino e da sanidade que loitan contra os recortes. Responden a reivindicacións compartidas por toda a cidade", concluíu o portavoz municipal.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG