Na mobilización en defensa do idioma galega convocada por Queremos Galego, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón denunciou o “escrache” de Feixóo e do Partido popular á lingua galega.
A líder do BNG considerou de “sentido común” que os galego falantes desenvolvan a súa vida na lingua propia de Galiza; “sen ningún tipo de discriminación” e denunciou “o escrache do Partido popular de Feixóo” dos últimos anos á lingua galega para conculcar, dixo, un dereito fundamental para poder usar a nosa lingua e normalizala como recolle o propio Estatuto de Autonomía.
Pontón afirmou que a primeira consecuencia do “escrache do Partido popular” provoca que a lingua galega sexa a única lingua do Estado español que perde falantes. É a única lingua que non podemos ler nos xornais e que está prohibida no ensino de Matemáticas, engadiu a líder do BNG que, a maiores, apuntou a “importante diminución do idioma galego no sector da edición”.
Para a portavoz nacionalista, a política de acoso do PP conduce á exclusión do galego no 90% das escolas de infantil das cidades, unha clara evidencia de como o “idioma retrocede”.
FEIXÓO PRESIDENTE ACOMPLEXADO DA SÚA LINGUA
Minutos antes co comezo da mobilización en defensa da lingua galega no día que se conmemoran as Letras galegas, a nacionalista afirmou que “temos un presidente acomplexado” que non utiliza con orgullo o que máis nos une a todos os galegos e galegas, “unha lingua propia” e fixo un chamamento a defender o noso idioma, a “mostralo con orgullo” porque é “unha fortaleza, un sinal de identidade e a base sobre a que construír o futuro”.
Pontón apelou á necesidade de cambios a prol do galego entre os que destacou: “derrogar o Decreto da vergoña” que prohibe o ensino das Matemáticas e as Ciencias e avanzar para garantir a presenza do galego nos medios de comunicación, na Xustiza, nas escolas así como nos ámbitos nos que continúa discriminado.
Finalmente avogou polo uso do galego como lingua propia que nos singulariza nun mundo plural e nos que os galegos e galegas, recalcou a portavoz nacionalista “queremos estar co orgullo do que somos”.