Ana Pontón defende para Galiza o que xa ten Euskadi e pronto vai ter Cataluña: a chave dos seus cartos
Participa en Lugo nun acto público dentro da campaña do BNG en favor dun modelo de financiamento xusto para os galegos e as galegas
Santiago de Compostela, 23 outubro 2024.- A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu en Lugo o modelo alternativo de financiamento que propón o BNG e que pasa por acadar un acordo bilateral co Estado que lle dea a Galiza o mesmo que xa ten Euskadi e pronto vai ter Cataluña: a chave dos seus cartos para mellorar a vida dos galegos e das galegas.
Así o indicou nun acto público na capital lucense enmarcado na campaña ‘Concerto económico: Galiza coa chave dos seus cartos” que está a desenvolver o BNG en favor dun modelo de financiamento xusto para o País e no que tamén participou o tenente alcalde da cidade, Rubén Arroxo.
“Hai que darlle a chave dos nosos cartos aos galegos e ás galegas”, incidiu, desde o convencemento de que Galiza non se pode conformar coas “migallas” e ten que negociar un sistema que lle permita recadar o 100% dos seus impostos, fronte ao modelo dun PP que só quere retoques cosméticos no sistema actual, un sistema que cualificou de inxusto e que fai perder miles de millóns á cidadanía galega.
Nun momento no que se debate o modelo de financiamento, o BNG considera que Galiza non pode permanecer como mera espectadora nin perder o tren nun tema crucial que vai marcar o futuro do País, tal e como pretende o PP, con Alfonso Rueda á cabeza, que prefire a submisión á estratexia de Feijóo en Madrid que a defensa dos intereses dos galegos e das galegas.
Por iso, no modelo de concerto que defende a formación nacionalista, Galiza será quen faga as contas co Estado e non ao revés, transferíndolle a Madrid o pago dos servizos comúns que presta no País, explicou a portavoz nacional, quen subliñou que, co actual modelo, o Estado está facendo caixa a costa da cidadanía galega.
Neste sentido, referiuse ao informe elaborado polo economista Xosé Díaz, segundo o que, en 2022, último exercicio liquidado, o Estado recadou 15.385 millóns de euros en Galiza, que recibiu 10.041 millóns, é dicir, un diferencial negativo de 5.344 millóns ao que habería que restar o pago ao Estado polos servizos que presta pero que, aínda así, o saldo a favor do País sería enorme.
Para afondar no infrafinanciamento de Galiza, Pontón tamén recordou o informe do Consello de Contas que, tras analizar o actual modelo de financiamento en termos de equidade e suficiencia, sitúa o déficit do financiamento entre 2009 e 2021 en case 20.000 millóns de euros, é dicir, que Galiza perde sobre 1.500 millóns cada ano.
Por iso, e logo de criticar a Rueda que se negase a negociar a quita da débeda acadada polo BNG no acordo de investidura, a líder nacionalista pediu ao titular do Executivo que actúe como tal e protexa os intereses dos galegos e das galegas, defendendo que teñan a chave dos seus cartos para que Galiza non se converta na única nación histórica que non vai ter ese status.