municipais 2023

Ana Pontón: “Os concellos BNG son referentes en urbanismo, acceso á vivenda e recuperación do espazo público”

Ferrol
Ferrol

Visitou Ferrol para expor as medidas do BNG esta materia: crear un parque de vivenda pública, mobilizar a vivenda baleira e axudas á rehabilitación

Iván Rivas, candidato do BNG á alcaldía de Ferrol: “Propomos rehabilitar os inmobles infrautilizados para crear unha bolsa municipal de vivenda”

A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou Ferrol para expor as medidas do Bloque en materia de vivenda, despois de catorce anos nos que “o PP dinamitou a política social de vivenda pública”.

Tras un paseo polo Barrio da Magdalena, a líder do Bloque, manifestou que “esta cidade ten un dos patrimonios construídos máis importantes de todo o País”. “Se rehabilitamos unha parte dese patrimonio construído estaremos dándolle á xente a posibilidade de ter unha vivenda digna, sobre todo á mocidade, pero tamén valerá para que recuperemos cidade, darlle máis dinamismo e recuperar os espazos públicos”, indicou.

O modelo municipal do BNG aposta pola recuperación do espazo público, por un urbanismo humanizado, de calidade, pensado para as persoas e no que a vivenda en aluguer teña prezos asumibles para a maioría social.

Neste sentido, Pontón indicou que “a aposta do Bloque pasa pola promoción de vivenda protexida fronte a un Goberno do Partido Popular que nos últimos anos dinamitou a política social de vivenda”. Entre 2014 e 2018 o PP só puxo no mercado unha vivenda protexida en réxime de aluguer e, con cargo ao plan de vivenda 2015-2020, o PP anunciou máis de 800 vivendas, pero a realidade é que puxo no mercado 39 vivendas protexidas.

San Sadurniño
San Sadurniño

“Os datos demostran ata que punto o PP dinamitou a política social de vivenda”, denunciou a líder nacionalista, lembrando que “agora o señor Rueda anuncia que vai facer en dous anos o que non fixo en catorce, alegando que non sabía que había un problema de acceso á vivenda cando ten un rexistro de demandantes de vivenda protexida colapsado con 16.500 persoas, demostrando unha desconexión total coa realidade da xente do común”.

As medidas do BNG en materia de vivenda pública

Fronte á inacción do Partido Popular á hora de atender as necesidades dos galegos e gas galegas nesta materia, o BNG propón tres medidas principais. A primeira, fundaméntase na creación dun parque de vivenda pública en aluguer xa que “en Galiza temos menos do 1%”, puntualizou a líder nacionalista. Pontón puxo sobre a mesa tamén a necesidade de mobilizar a vivenda baleira e, como terceiro punto, a posta en marcha de medidas de axuda á rehabilitación e de mediación por parte da Xunta “para que parte desas vivendas rehabilitadas se redirixan ao aluguer a prezos accesibles”, manifestou. “Isto fará que se lle facilite o acceso a unha vivenda ás persoas que máis problemas teñen para facelo”, concluíu.

San Sadurniño
San Sadurniño

Iván Rivas: “Queremos converter Ferrol nunha cidade na que poder vivir”

Pola súa banda, o candidato do BNG á alcaldía de Ferrol, Iván Rivas, indicou a necesidade de “reverter a situación actual”. “Se queremos facer política de vivenda temos que facer vivenda pública con carácter permanente”, indicou. Mentres que en Galiza supón o 1%, a media europea sitúase no 9% ou nun 24% nos Países Baixos e nun 30% en Austria. “A vivenda é demasiado importante como para deixala exclusivamente en mans do mercado libre”, urxiu Rivas.

Con respecto disto, manifestou ter unha aposta decidida para atallar o problema. “Ferrol é unha cidade unha característica moi especial: contamos con máis de 1.000 vivendas públicas municipais e, ao mesmo tempo, o 27,8% das vivendas están infrautilizadas ou baleiras”, apuntou. Fronte a isto, indicou que o BNG de Ferrol quere “destinar o 2,5% do orzamento municipal á rehabilitación de vivendas e tamén crear unha bolsa de vivenda baleira no concello”.

“Ten que haber vontade para resolver este problema e no BNG temos claro cales son as directrices a adoptar para converter Ferrol nunha cidade na que poder vivir”, concluíu.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG