Ao igual que fixera onte na xornada de reflexión, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón fixo hoxe un chamamento a todos os galegos e galegas a acudir ás urnas para decidir o “futuro dos concellos e a voz en Europa”.
Tras exercer o voto na mesa do Centro de Arte Contemporánea en Compostela, acompañada da candidata á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín e membros da Executiva nacionalista, Pontón avogou por “unha grande mobilización nas urnas” para que os galegos e galegas expresen a súa opinión e os concellos galegos segan avanzando e contar con representantes en Europa que defendan o noso país. Hoxe, dixo, é unha xornada importante porque tomamos decisións “relevantes” para o noso presente e futuro, tanto nos concellos como naquelas decisións que se toman en Europa, polo tanto, “é o momento desa grande mobilización para seguir avanzando como país colectivamente”.
O resultado que decidamos hoxe, explicou a líder do BNG, permitirá un “horizonte con maior esperanza”. É o momento de que a cidadanía fale e todos e todas desexamos que a xornada se desenvolva con normalidade democrática.
A candidata á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, que emitiu o seu voto na Facultade de Historia acompañada pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, animou a todos os habitantes de Compostela a votar nun día que cualificou de gran importancia porque serán definidas as políticas que ten que executar o concello nos próximos anos, ademais de conseguir que Santiago sexa “ese referente como Capital de Galiza”.
Hoxe correspóndenos facer un chamamento a todos os santiagueses e santiaguesas a que acudan as urnas e colectivamente decidamos as forzas políticas que estarán presentes na corporación municipal. “Hoxe temos que encher as urnas de votos e o 27 de maio abrir esa nova etapa dun futuro mellor para o noso concello”, concluíu.