Ana Pontón: “Carme Núñez representa a ilusión, a constancia e a firmeza para relanzar Tui sen límites”
O BNG propón revitalizar o sector turístico, favorecer o comercio local, unha xestión sustentable dos residuos e servizos públicos de calidade
“Queremos ser, porque temos as condicións para selo, un deses concellos referencia, un concello BNG”, indicou Carme Núñez
A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu á presentación de Carme Núñez como candidata do BNG á Alcaldía de Tui á que definiu como “unha muller chea de constancia, de coherencia, de firmeza e sobre todo, dunha grande ilusión para relanzar o concello, sen cancelas e sen límites”.
A líder do Bloque lembrou que “Carme é ben coñecida no Baixo Miño por ser unha persoa alegre, moi traballadora, grande profesional e a voceira do único proxecto claro dentro da corporación: o do BNG”. Con respecto a isto, pediulle aos veciños e veciñas a súa confianza para poder facer de Tui un concello BNG “sinónimo de modernidade, de avance, de progreso e das solucións máis avanzadas”.
Os gobernos municipais do BNG son gobernos de calidade, gobernos solventes e con capacidade de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas, ofrecendo sempre dinamismo económico, social e cultural nos concellos nos que goberna. En palabras da portavoz nacional, “temos dous exemplos extraordinarios da forza transformadora do BNG nesta comarca: en O Rosal, con Ánxela Fernández ou en Tomiño con Sandra González como alcaldesas”.
“Queremos ser, porque temos as condicións para selo, un deses concellos referencia, un concello BNG”, indicou Carme Núñez.
A proposta do BNG para transformar Tui en positivo
Nun momento crucial no que as persoas se sitúan no centro das políticas do Bloque, as propostas de Carme Núñez e o seu equipo teñen o foco posto en facer de Tui un concello vivo e participativo.
“Queremos un concello dialogante e aberto”, indicou Pontón “no que se apoie ás asociacións culturais, veciñais, deportivas, da mocidade, ecoloxistas, de mulleres e comunidades de montes”. A portavoz nacional explicou varias das propostas do BNG para Tui, que pasan por facer da vila un concello con boas conexións con outras localidades, ou a construción dun centro de día público e de máis vivenda social.
O coidado do medio ambiente tamén ocupa un lugar importante no Tui do BNG, coa intención de avanzar cara a un “concello en verde que mellore o seu sistema de xestión de residuos fomentando a reciclaxe”, e tamén favorecendo o turismo sostible coa promoción de espazos naturais como o Monte Aloia ou a ribeira do Miño.
Ademais, explicou Pontón, “Tui ten que ser un concello que conserve e poña en valor o seu patrimonio protexéndoo, catalogándoo e difundíndoo para facer del unha fonte de riqueza económica, turística e cultural”. Para finalizar, a líder do Bloque puxo o foco no incremento da oferta cultural e deportiva da zona atendendo á base e apostando tamén polos grandes proxectos consolidados.
“Xa non é momento da política de formigón, da falta de iniciativa, do desleixo coas parroquias, do tráfico que colapsa o centro, da soberbia da negación ao diálogo...”, declarou Pontón. “É o momento de poñer ás persoas no centro, de mellorar a vida dos galegos e das galegas, de atender ás súas necesidades e de comezar a construír o País que queremos, concello a concello”, destacou, manifestando que “é o momento do BNG, de Carme Núñez e do seu equipo para facer que Tui avance a partir do 28M”.