Municipais 2023

Ana Pontón: “O BNG ten liderado, equipo e proxecto para abrir un tempo novo e de futuro en Ferrol”

Acto Ferrol
Acto Ferrol

Indicou que a Galiza do século XXI non se pode entender sen o necesario impulso industrial e económico que Iván Rivas porá en marcha en Ferrol

A líder do BNG amósase convencida de que o próximo 28M será a forza que máis suba, comezando a construír un novo País, concello a concello

A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu á presentación da candidatura do BNG en Ferrol, liderada por Iván Rivas, e á que cualificou como “ilusionante, con ideas e cun proxecto capaz de conseguir que Ferrol se suba ao tren do futuro”.

Pontón amosou a intención do BNG para recuperar a cidade ao crer nun Ferrol “que non se rende, orgulloso da súa lingua, con historia obreira, que dinamiza a cultura e que está listo para deixar atrás unha década gris e construír un lugar con futuro”.

A líder do BNG tamén subliñou que temas como a xustiza e o benestar social, a igualdade, o emprego digno ou a mellora de servizos son fundamentais para o cambio que necesita a cidade. “Esta localidade teno todo para ser unha cidade próspera, con calidade de vida e con capacidade para xerar riqueza e emprego”, afirmou.

A portavoz nacional declarou que “a Galiza do século XXI non se pode entender sen o necesario impulso industrial, económico e social de Ferrol”, polo que “o BNG quere que esta cidade deixa atrás a resignación e se prepare para un tempo novo”.

Un goberno BNG para construír o Ferrol do futuro

O BNG pon en marcha nos concellos nos que goberna proxectos transformadores e capaces de mellorar a vida das persoas. “Como un claro exemplo está o caso de Pontevedra, que fai vinte anos, era un lugar en decadencia, sen pulso, sen autoestima, cun urbanismo caótico no que o coche invadía as rúas en detrimento das persoas e cun centro histórico abandonado e sen vida”, lembrou a líder do Bloque.

Hoxe o BNG converteu Pontevedra nun referente mundial de urbanismo sostible, ten un centro histórico rehabilitado no arquitectónico, no social e no económico, as rúas están cheas de vida e a veciñanza recuperou o seu orgullo de ser de Pontevedra.

“O que sucedeu con Pontevedra da man do Bloque é o que queremos facer en Ferrol con Iván Rivas e os membros da súa candidatura, porque o BNG ten liderado, equipo e proxecto para darlle un futuro mellor á veciñanza”, manifestou Pontón.

A portavoz nacional amosouse convencida de que “revitalizar Ferrol é posible, transformando o Concello e dándolle solucións reais aos problemas que acumula a cidade”. “Fronte aos discursos e accións de sempre, o BNG representa a dignidade, o respecto, a esperanza, o optimismo, a seriedade e o compromiso”, proclamou.

“Na cidade de Concepción Arenal, a feminista que pedía pechar os cárceres para abrir escolas, o BNG quere tirar os muros e abrir un futuro de esperanza para Ferrol e para Galiza” declarou, concluíndo que “é o momento de poñer ás persoas no centro, de mellorar a vida dos galegos e das galegas e de comezar a construír o País que queremos, concello a concello a partir do 28M”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG