Ana Pontón avanza que pedirá no Parlamento a cesión dos terreos portuarios ao concello da Coruña
Critica a discriminación que suporía para a Coruña un trato diferente do Estado ao que recibiron Xixón, Valencia ou Barcelona en situación similar
Encontro co sector empresarial da Coruña no que abordou as Bases Democráticas, proposta do BNG para avanzar no autogoberno de Galiza
A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou na Coruña que o BNG vai levar ao Parlamento unha batería de iniciativas para reclamar que o Estado asuma integramente o financiamento do Porto exterior e que os terreos que hoxe ocupan o peirao de San Diego sexan cedidos ao concello da Coruña.
A dirixente do Bloque fixo estas declaracións tras un almorzo informativo no Club Financeiro Atlántico (CFA), onde mantivo un encontro cunha nutrida representación do sector empresarial coruñés, e despois de que a pasada semana o presidente da Xunta bendicise a intención do Estado de sufragar o porto exterior coa venda dos terreos de San Diego e do Hotel Finisterre.
“O porto exterior da Coruña ten que ser financiado polo Estado como se fixo no caso de Xixón, e os terreos que agora ocupan instalacións portuarias deben quedar a salvo da especulación e ser cedidos ao concello da Coruña para beneficio de toda a cidade, como se fixo en Valencia e en Barcelona. O BNG vai levar este tema ao Parlamento para esixir que non se vendan estes terreos, senón que queden como patrimonio público de todos os coruñeses e coruñesas e que sexa a cidadanía quen decida sobre o seu uso futuro”, indicou Pontón.
O obxectivo da formación nacionalista é acadar un posicionamento unánime do Parlamento para que os terreos de San Diego xunto cos dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo pasen ao concello, o mesmo que os terreos da Solana e do Hotel Finisterre, e que o porto exterior se conclúa con cargo a financiamento estatal. “Do contrario, sería unha nova discriminación do Estado con Galiza e co Coruña”, indicou Pontón.
No encontro co sector empresarial no Club Financeiro Atlántico da Coruña, -no que tamén participou a portavoz municipal, Avia Veira-, Pontón aproveitou para presentar o documento Bases Democráticas, proposta do BNG para iniciar un debate político e social para evitar que Galiza quede atrás nun momento decisivo que vai mudar o actual marco institucional.
A portavoz nacional expuxo ao sector empresarial coruñés as vantaxes do autogoberno nas cuestións relevantes de país: Sistema financeiro, capacidade fiscal, concerto económico, infraestruturas como a AP9 e os aeroportos, sector enerxético, ou a política forestal. “Ter e exercer o autogoberno implicaría ter as ferramentas para mellorar as condicións de vida dos e das galegas”, sintetizou.
A proposta do Bloque expresada nas Bases Democráticas pretende ser un punto de partida para o debate entre as forzas políticas, axentes económicos, sociais e culturais para evitar que Galiza perda posicións, “dando un paso adiante desde o recoñecemento de Galiza como nación” nun momento en que vai haber cambios a nivel de Estado.
Pontón agradeceu o convite ao presidente da entidade, Mariano Gómez-Ulla, que lle permitiu un debate “intenso e frutífero” cunha ampla representación do empresariado da Coruña, a oportunidade de transmitir as propostas do BNG e de escoitar as súas valoracións.