Ana Pontón avanza que o BNG márcase o obxectivo de que Galiza conte cunha Lei de emerxencia climática nesta lexislatura
Incendios, cambio climático, biodiversidade, economía verde, xestión do ciclo da auga ou rexeneración das rías, entre os retos ambientais a abordar
“Son cuestións clave ás que este Parlamento debe dar resposta”, salienta
O mellor cortalumes: prevención, limpeza e ordenación do monte os 365 días do ano, que ademais xeraría riqueza e emprego
Cos lumes como un dos principais problemas ambientais do país, o BNG considera que Galiza debe ter cunha lei de loita contra a emerxencia climática que aborde todos os retos nesta materia a aprobar nesta lexislatura, que dea unha resposta propia do século XXI a cuestións como a preservación do territorio, o combate contra os incendios, a recuperación da biodiversidade, camiñar cara unha economía verde, a xestión integral da auga ou a rexeneración das rías.
“A situación de crise ambiental require de respostas e os lumes estanse volvendo máis virulentos precisamente polo cambio climático, -indicou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras o encontro coa dirección de ADEGA-, e por iso un obxectivo do BNG nesta Lexislatura é contar cunha Lei de emerxencia climática que aborde os incendios de nova xeración e de xeito integral todas os retos ambientais que ten o país”.
Entre eses retos, explicou, a defensa da biodiversidade, -que se ten revelado fundamental mesmo para combater pandemias como a COVID-19, apostar por unha economía verde baseada no coñecemento, na ciencia e na investigación; abordar o ciclo da auga tendo en conta fórmulas que permitan o mellor aproveitamento dun ben cada vez máis escaso; apostar por enerxías limpas ou o saneamento integral das rías.
“O obxectivo do BNG é que todas estas cuestións claves para o futuro do país teñan resposta neste Parlamento a través dunha Lei de emerxencia climática”, salientou Pontón. En paralelo, a líder nacionalista tamén puxo sobre a mesa propostas no curto prazo para facer fronte aos incendios con tres prioridades: prevención, limpeza e ordenación do monte 356 días ao ano. “Un monte limpo e ordenado é o mellor cortalumes”, salientou Pontón.
“Se queremos ter un resultado diferente hai que facer algo diferente, non valen as mesmas receitas fracasadas de sempre”, indicou, “e non se pode reducir o problema dos lumes a un mera cuestión de incendiarios senón que hai que mudar unha política forestal fracasada que fai que cada ano ardan miles de hectáreas provocando un problema ambiental, económico e social sen que a Xunta mude nin un ápice a súa resposta”.
Pontón lamentou que, con Ourense ardendo un ano máis, a resposta do PP sexa vetar a comparecencia do conselleiro de Medio Rural no Parlamento, e que o presidente da Xunta non tivese tempo de visitar a zona afectada polas lapas, “supoño que Feixóo non ten interese en visitar Ourense para non ter que explicar o seu pacto con DO que sitúa á cidade na parálise absoluta”, ironizou.
Aproveitar a biomasa e recuperar espazos naturais
Entre as medidas a curto prazo para combater os lumes, o Bloque propón un Plan de aproveitamento da biomasa forestal, noutras palabras, limpeza intensiva do monte como elemento básico e fundamental de loita contra os incendios e ademais xeraría riqueza e postos de traballo. Potenciar a brigadas de investigación de incendios, porque a vixilancia e a prevención son claves cando o goberno de Feixóo ditamina que a maior parte dos lumes son intencionados, polo que resulta inexplicable que non potencia este instrumento.
Fondo de preservación de espazos naturais protexidos, destinado especialmente á recuperación dos espazos de gran riqueza natural arrasados polas lapas, como foi no seu día as Fragas do Eume ou agora a Serra do Xurés, “son necesarios plans específicos con fondos propios para a recuperación destes espazos ambientais emblemáticos”, argumenta Pontón.
O BNG mantivo un encontro coa dirección da ADEGA, na que ademais da portavoz nacional participaron as persoas responsables da área ambiental tanto no Parlamento como na dirección nacional: Luís Bará, Alexandra Fernández, Carme da Silva e Olaia Ledo e, por parte de ADEGA, unha ampla delegación encabezada polo seu secretario xeral, Froilán Pallín. O encontro serviu para poñer puntos de vista en común e constatar o alto grado de coincidencia na diagnose dos principais problemas e retos ambientais que ten Galiza.