Ana Pontón apoia a petición dun IVE do 4% para peixe e destaca que o BNG xa logrou un acordo do Parlamento a esa demanda
É unha medida beneficiosa para o sector e para as persoas consumidoras tanto en termos económicos como de alimentación saudable, alega
Visita a CONXEMAR, feira referente mundial do conxelado, unha industria que en Galiza xera miles de empregos en máis dun cento de empresas
A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a súa visita a CONXEMAR para trasladar o apoio do BNG á demanda do sector de aplicar un IVE mínimo do 4% ao peixe. Tal é así, explicou, que o Bloque ven de conseguir o apoio do Parlamento a unha proposición non de lei na que se insta á Xunta a reclamar ante o Goberno central a aplicación do IVE súper reducido aos produtos do mar.
“Galiza é unha nación pesqueira polo que esa medida sería moi beneficiosa tanto desde o punto de vista dunha alimentación saudable como tamén desde o punto de vista económico dun sector que é clave para o País pola súa capacidade de xerar riqueza e emprego directo”, salientou Pontón desde o IFEVI, onde fixo un percorrido pola feira acompañada polos organizadores.
No países europeos do entorno, hai moitos exemplos de IVE ao peixe inferior ao que se aplica en Galiza, como é o caso de Alemaña, Francia, Bélxica, Portugal e Inglaterra, que non aplica este imposto ao pescado.
Unha das leccións que deixa a pandemia é a importancia de producir alimentos de calidade, que teñan garantías na súa trazabilidade. Esa calidade é unha garantía para a saúde da poboación e os produtos do mar son parte esencial da dieta atlántica e dunha alimentación saudable.
Na visita guiada da man dos responsables da feira, a líder do Bloque puido coñecer as últimas novidades e innovacións do sector nun percorrido polos stands no que tamén participou a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda; e as deputadas por Vigo Carmela González e Alexandra Fernández.