Ana Pontón anuncia a petición dunha comisión de investigación sobre a privatización e a ampliación da concesión da AP-9
Cualifica de “escándalo” que o Goberno de Aznar fixera que xs galegxs pagasen máis peaxes para favorecer a especulación sobre a autoestrada
Pide ao PP que non use a súa maioría no Parlamento para vetar o dereito da cidadanía a saber a verdade e a depurar responsabilidades políticas
A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou que o BNG solicitará unha comisión de investigación no Parlamento sobre a privatización e a ampliación da concesión da AP9, dado que existen “demasiadas zonas de sombra” en ámbolos dous procesos sobre as que habería que depurar responsabilidades políticas e sobre as que os galegos e as galegas “teñen o dereito a coñecer a verdade”.
Pontón enmarcou a solicitude da comisión de investigación nun contexto marcado polo pronunciamento da Comisión Europea, que xa en dúas ocasións reiterou que a prórroga da concesión é ilegal, e que ademais vén de advertir que o Executivo do PP presidido por José María Aznar planificaba xa dende 1999 a privatización de Audasa e que esa prórroga de 25 anos “era un mecanismo máis para aumentar o seu valor de mercado”.
“Parécenos un escándalo que o Goberno do Partido Popular fixera que os galegos e as galegas pagáramos máis peaxes única e exclusivamente para favorecer o negocio e a especulación en torno a unha infraestrutura viaria básica como é a AP9 no noso País”, recriminou nunha comparecencia logo da reunión que mantivo con representantes das e dos profesionais da xustiza gratuíta e a quenda de oficio que manteñen unha folga dende o pasado mes de novembro.
A líder nacionalista incidiu na importancia de que a cidadanía coñeza “toda a verdade e que se depuren todas as responsabilidades políticas que poidan producirse”, polo que dixo agardar que, nesta ocasión, “o Partido Popular non vete o dereito dos galegos e das galegas a coñecer a verdade sobre unha infraestrutura tan importante no País e sobre a que se tomaron decisións que, segundo a Comisión Europea, claramente nun caso son ilegais e noutro foron en contra dos intereses de Galiza”.
Neste sentido, advertiu do “negocio ruinoso” que supuxo para o Estado a privatización da AP9, que se realizou no seu momento de xeito conxunto con outras dúas autoestradas por un montante que rondou os 1.500 millóns de euros, mentres que agora o Goberno central cifra o rescate só da autoestrada galega entre os 4.000 e os 6.000 millóns, “dependendo do día”, en alusión á falta de rigor nas cifras do ministro de Transportes, Óscar Puente.
“Isto corrobora que se fixo unha auténtica fraude ás arcas públicas e que se vendeu a prezo de saldo a AP9 única e exclusivamente para que grandes grupos especularan cunha infraestrutura básica no noso País, mentres quen paga o pato desta especulación son os galegos e as galegas a través dunhas peaxes que son unha auténtica estafa legalizada”, sintetizou.
De igual xeito, aludiu ás “numerosas irregularidades e abusos” rexistrados en torno á autoestrada galega, entre os que destacou como “o Goberno de Aznar agasallaba con beneficios fiscais á concesionaria e lle permitía un incremento abusivo das peaxes”, algo que xa criticaba o Tribunal de Contas nun informe de 2004 no que alertaba sobre “o cuantioso volume de recursos económicos para a concesionaria” por uns beneficios tributarios e económico-financeiros moi altos e polo incremento dos ingresos das peaxes.
“Sen embargo, o señor Aznar decidiu estender todos eses beneficios 50 anos máis ata o ano 2048, unha forma de seguir beneficiando na privatización a quen ía acceder ao control da AP9”, denunciou, para poñer o foco a continuación nas portas xiratorias que tamén se activaron no Estado español coa autoestrada galega.
Neste sentido, recordou que en 2005 Sacyr, a principal accionista do grupo Itinere e da concesión da AP9, fichou a Arias Salgado, o ministro de Fomento que xestionou a ampliación da concesión, xunto a outros dous cargos de AENA Infraestruturas, Francisco Moure e José Ramón Calderón, conselleiros no momento que se privatizou a vía de comunicación galega.
“É importante que saibamos quen, por que e para que se fixo esa ampliación da concesión e esa privatización porque o que está claro é que os galegos e as galegas non nos beneficiamos, somos os grandes damnificados”, resumiu, para subliñar que a comisión de investigación permitiría que os responsables desas decisións desen explicacións e tamén depurar “as responsabilidades políticas que evidentemente ten que habelas ante un caso tan grave”.
Insta ao Goberno central a aceptar o ditame da Comisión Europea
A preguntas dos xornalistas sobre a ampliación dos prazos para o Estado español no procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea, Pontón afirmou que “o lóxico” sería que o Goberno central renunciara a ese prazo e que aceptara o ditame que está poñendo sobre a mesa a propia Comisión Europea, xa que está abrindo a porta “a que se faga xustiza cos galegos e coas galegas para poñer fin a unha concesión que é unha estafa legalizada”.
Galiza debe negociar bilateralmente o novo sistema de financiamento
Por outra parte, e tamén a preguntas dos medios, reiterou que o BNG defenderá que “Galiza teña un bo sistema de financiamento” e considerou unha prioridade para o País “ter unha posición que lle permita negociar con fortaleza” un sistema que beneficie aos galegos e ás galegas.
“Lamentablemente temos a un presidente da Xunta que non ten autonomía para poder decidir sobre este tema porque está cativo das decisións que lle mandan dende Génova”, criticou para reiterar que o Bloque pedirá que “Galiza negocie bilateralmente” un financiamento acorde coas súas necesidades.
“Cremos que esa é aspiración que debemos ter e eu agardo que o señor Rueda en vez de obedecer aos intereses do Partido Popular en Madrid, por unha vez, defenda os intereses dos galegos e das galegas”, concluíu.