Ana Pontón: “ALCOA non se pode deixar caer e o BNG ten a vontade política que lle falta a PP e PSOE para nacionalizar e salvar a factoría”
Intervención pública, -como fai Alemaña con Lufthansa e Portugal coa TAP-, e tarifa eléctrica galega, proposta do BNG para garantir a produción e miles de empregos
Apoio do BNG na concentración dos traballadores e traballadoras ante a sede do goberno da Xunta
“Está en xogo o futuro de toda unha comarca e ten que haber unha proposta xa porque se está acabando o tempo, e o BNG ten claro cal debe ser esa proposta: nacionalización de ALCOA cunha intervención pública da Xunta e do Estado e unha tarifa eléctrica galega que acabe co espolio enerxético e coa ameaza de miles de empregos en xogo pola factura enerxética nun país produtor neto de electricidade”, explicou Pontón.
“ALCOA é o suficientemente importante para Galiza como para que non a deixen caer e é unha irresponsabilidade o que están facendo o PP e o PSOE que non teñen vontade política para levar adiante unha nacionalización que é legal e posible, a vontade que non teñen eles témola no BNG e traballaremos para non deixar caer o emprego e a produción desta factoría”, concluíu.