Ana Pontón: “agardo que Feixóo non teña medo a un encontro bilateral coa líder da oposición”
A portavoz nacional, Ana Pontón, da por feito que a petición de reunión entre o presidente da Xunta e a líder da oposición, normal en democracia, terá lugar o antes posible e considera insólito que ese encontro aínda non se celebrase nove meses despois da cita coas urnas.
“Agardo que sexa canto antes e agardo tamén que Feixóo non teña medo a un encontro bilateral coa líder da oposición”, respondeu Pontón a preguntas dos medios sobre este asunto.
“O habitual é que a reunión empece coa líder da oposición e despois, obviamente, o presidente da Xunta pode reunirse con quen considere. Teño solicitado unha xuntanza formalmente, porque entendo que é a miña responsabilidade trasladarlle a preocupación e as propostas que temos no BNG nun momento tan difícil e tan complexo, no ámbito económico, sanitario e social. Forma parte da normalidade democrática e o que agardo é que Feixóo non teña medo a un encontro bilateral coa líder da oposición e portavoz do BNG”, reiterou.
Pontón indicou que este tipo de encontros bilaterais son o habitual en democracia, e o sorprendente é nove meses despois da cita electoral aínda este pendente unha reunión entre presidente do goberno e líder da oposición non se tivese producido, “cando forma parte da realidade política en todos os países do noso entorno”, concluíu.