Ana Pontón solicita unha reunión con Feijóo para abordar solucións aos grandes retos de País para saír da crise
Pide deixar de lado partidismos e traballar para erguer Galiza: “O adversario a combater é o virus, o paro, o peche de empresas e negocios. A crise sanitaria e económica son os adversarios contra os que loitamos desde o BNG”
Formula catro prioridades para a reunión: reforzar a sanidade e plan de vacinación, Next Generation, plan de rescate real e novo modelo de coidados
A portavoz nacional, Ana Pontón, solicita unha reunión ao presidente da Xunta para abordar, desde o diálogo e a negociación, solucións aos grandes retos de País. A líder do BNG entende que, nunha situación de crise sen precedentes en tempos de paz, é máis necesario que nunca deixar de lado o partidismo e a confrontación e dar alternativas á cidadanía.
“Solicito unha reunión co presidente da Xunta porque, dada a situación de crise que vive Galiza e a súa durísimas consecuencias, é tempo de diálogo, de propostas, de negociación e de sumar en positivo para sacar este País adiante e darlle solucións aos problemas da xente, para dar esperanza de futuro por parte de quen temos a obriga de facelo, tanto desde o Goberno como desde o principal partido da oposición”, salientou Pontón.
En democracia “é normal” que o xefe do Executivo se reúna coa líder da oposición, -indicou-, e de cara a esa xuntanza a líder do BNG formula catro cuestións clave. Primeiro, reforzo da sanidade pública e un plan de vacinación que permita vacinar 24/7 en canto se solucione o problema de subministro; segundo, defensa dos intereses de Galiza nos fondos europeos de recuperación, Next Generation; terceiro, plan de rescate real para os sectores máis afectados pola pandemia e cuarto, traballar nun novo modelo de coidados que garanta unha vellez digna aos nosos maiores.
“A cidadanía merece que os seus representantes deamos o mellor para aportar solucións, deixando de lado partidismos e enfrontamentos”, recalcou, destacando onde ten o BNG as súas prioridades.
“O adversario á bater é o virus, o adversario a bater é paro, o adversario a bater é o peche de empresas e negocios. A crise sanitaria e económica son os adversarios contra os que loitamos desde o BNG e por iso solicito esta reunión ao presidente da Xunta co ánimo de establecer un diálogo e unha negociación que sirva para mellorara a vida das galegas e dos galegos nun momento tan complexo como o actual”, argumentou.
Este escenario de crise sanitaria, económica e social require propostas de alcance “e que todas e todos arrimemos o ombro para saír adiante”, subliñou, recalcando que o BNG está “por aportar en positivo para mellorar a vida da xente e por ofrecer solucións nun momento que, como nunca, require altura de miras”.
Preguntada pola interpretación que fai da campaña de ataques contra o BNG e, en particular, contra a propia portavoz nacional, Pontón indicou que esa é unha cuestión á que debe responder Feixóo a quen dixo ver nervioso, “parece como se o seu compás apuntase a Génova e agora se sentise un pouco desnortado”, ironizou en relación ao anuncio do PP de pechar a súa sede central en Madrid.
Pero unha vez máis insistiu en que, neste contexto de pandemia, “o adversario a bater é virus e o que Galiza precisa é un goberno centrado ao 100% en facerlle fronte á pandemia e non a un presidente da Xunta que non deixa de dar mostras de nerviosismo e en facer oposición da oposición”.
“A min, reiterou, o que me preocupa é a loita contra a pandemia, dar solucións nun momento en que a maioría social o está pasando moi mal, e Feixóo saberá porque lanza contra min unha campaña de ataques e descualificación mesmo persoal. A prioridade é saír da crise e nesas está o BNG”, concluíu.