Ana Pontón afirma que o sector do libro é "un motor económico clave" en Galiza
A candidata do BNG á Presidencia da Xunta de Galiza,Ana Pontón visitou hoxe a Feira do libro que se está a celebrar na cidade da Coruña onde reivindicou unha Mesa do Libro representada polo sector e a administración e máis recursos para o sector
Os fondos destinados a compra de libros, explicou, foron reducidos nun 70% e o 40% no apoio á promoción da lectura cando en Galiza rexistramos un dos índices máis baixos de todo o Estado español en lectura e moi por debaixo das medias europeas.
O BNG propón unha Mesa do libro representada polo sector e a Administración
Ante os medios de comunicación, a candidata do BNG anunciou tres medidas de impulso: unha Mesa do libro con representación do sector, a administración e os sectores implicados, incremento de recursos, como mínimo duplicando os fondos, e recuperar as políticas de normalización lingüística coa elaboración dun novo decreto para o ensino en galego.Neste sentido lembrou que o peso e volume do libro de texto representa o 50% dentro do sector e os recortes nesta materia supuxeron un importante retroceso no libro galego.
Os incendios teñen responsabilidade política
A candidata do BNG trasladou o seu apoio ás familias que estes días foron desaloxadas pola proximidade dos lumes e o recoñecemento a todas esas persoas que están ao servizo da extinción de incendios a maioría das veces, dixo, en condicións precarias e sen dotación e a pesar diso, xogan a vida para evitar un desastre maior do que se está producindo.
A nacionalista manifestou que resulta triste escoitar ao presidente da Xunta afirmando que a culpa é do vento, da seca e dos incendiarios. Para a candidata do BNG esas causas son responsables dos incendios pero tamén son responsables os que podendo tomar medidas para minimizar o impacto dos incendios fan todo o contrario. Nestes últimos anos,engadiu, todas as iniciativas do Partido popular van na dirección de que sexa máis fácil queimar o monte, que non exista prevención e estimular a propia industria do lume. Cando se facilita que se reclasifiquen terreos queimados e intereses escuros tras os incendios dos montes é como botarlle máis gasolina ao incendio.
Feijóo, dixo Pontón debería recoñecer a súa responsabilidade e non colocarse de perfil porque o único que nos está a demostrar é que o goberno galego non serviu para nada. Para o BNG o importante agora é dotar aos servizos de extinción e un cambio na política forestal.