Ana Pontón: "Este 8 de marzo as mulleres fixemos historia"
“Os gobernos teñen que abandonar o seu pasotismo e converter a igualdade nunha prioridade política”, reclama
“Unha xornada histórica e emocionante para as mulleres e para todas as persoas que creen e loitan pola igualdade real”, así definiu a portavoz nacional, Ana Pontón, a xornada de folga e mobilizacións que protagonizaron as mulleres con motivo da celebración do 8M.
“Fixemos historia” proclamou Pontón, en relación a multitude de mulleres que pararon e tomaron as rúas en toda Galiza para reclamar igualdade real no Día internacional da muller, “unha xornada exitosa e emotiva que debe servir para que a loita contra a discriminación e a violencia contra as mulleres sexa unha prioridade da axenda política, que debe servir para que os gobernos abandonen o seu pasotismo e convertan a igualdade nunha prioridade”.
Pontón fixo estas declaracións durante unha visita ao Campus universitario de Ourense, e lembrou “o traballo previo das nosas avoas e das nosas nais”, ao tempo que animou ás mulleres “a seguir abrindo espazos de igualdade”. A dirixente do Bloque parabenizou a todas as mulleres que pararon, que se mobilizaron e que saíron á rúa e tamén fixo un recoñecemento aos homes que amosaron un seu apoio á folga, “que apostaron por dar un paso atrás para que e o protagonismo fose das mulleres nunha día no que fixemos historia”, recalcou.
A portavoz nacional salientou as propostas do BNG a favor da igualdade. Elaborar desde o Parlamento unha Lei galega pola igualdade salarial, -que inclúa sancións a quen incumpra o principio de a igual traballo igual salario-, excluír da contratación pública ás empresas que discriminen ás mulleres, suprimir as subvencións aos centros educativos que segregan por sexo e impulsar a creación dunha Valedora da Igualdade, similar a dos países nórdicos, para combater calquera tipo de discriminación contra as mulleres.