Ana Pontón reivindica ma grande manifestación feminista de Vigo unha lei pola igualdade salarial
Denuncia que as mulleres seguen sendo o “sostén” dos recortes e fai un chamamento a todas as mulleres e homes comprometidos coa Igualdade a secundar a folga do 8 de Marzo para mudar unha situación “inxusta e antidemocrática”
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón reivindicou hoxe a posta en marcha dunha “Lei de Igualdade salarial” e sancionar aquelas empresas que pagan menos ás traballadoras polo feito de seren mulleres.
Na manifestación que percorreu as rúas da cidade olívica convocada polo Día Internacional da Muller, Pontón afirmou que “nunca tivemos igualdade real” pero nestes últimos anos, a crise económica puxo en marcha un retroceso das liberdades e dos dereitos e aumentou a “desigualdade” das mulleres.
Neste sentido, recalcou que as mulleres “non temos porque ser o sostén dos recortes” e de comprobar como cobramos 4.000 euros menos ao ano por facer o mesmo traballo que os homes. As mulleres somos as grandes prexudicadas no mercado laboral que se traduce en salarios máis baixos e precariedade.
OS GOBERNO DEBEN CUMPRIR AS LEIS DE IGUALDADE
A portavoz do BNG mostrouse convencida de que os gobernos poden facer máis do que fan e para iso deben comezar por cumprir as Leis de Igualdade pero temos un presidente na Xunta que leva 8 anos incumpríndoas polo que se fai necesaria e urxente, a posta en marcha “dunha Lei pola igualdade salarial” e sancionar aquelas empresas que pagan menos ás mulleres, polo mero feito de selo.
Ademais, reclamou da Administración pública non contratar a empresas que vulneran os dereitos e a igualdade e impoñerlles sancións cando incumpran ese principio. Estas propostas, dixo Pontón, “son factibles”, só precisan “vontade política para levalas a cabo”.
Este 8 de marzo debe ser “un revulsivo” para cambiar a axenda social da desigualdade por unha axenda que defenda os dereitos das mulleres, e esa oportunidade témola nas nosas mans. Podemos cambiar o paradigma da desigualdade por un novo modelo no que deben desaparecer as discriminacións de xénero e o BNG seguirá loitando neste camiño, apostilou.
AS MULLERES ESTAMOS FARTAS
A nacionalista manifestou que as mulleres estamos moi fartas: “Fartas de que a violencia de xénero no se asuma como un problema de Estado de primeira magnitude, fartas de que conciliar sexa unha carreira de obstáculos e recaia sempre sobre as nosas costas, fartas da desigualdade laboral e salarial” e por iso, fixo un chamamento a todas as mulleres e homes comprometidos coa igualdade a participar na folga do 8 de marzo. “Estamos facendo historia” e dende as rúas as mulleres queremos dicirlle aos gobernos que deben asumir na súa axenda social a igualdade como unha prioridade política. Este 8 de marzo é moi importante porque “estamos facendo historia”.
O mundo sen as mulleres non funciona, recalcou Pontón e coa folga do 8 de marzo as mulleres queremos denunciar que non é “xusto nin democrático” que o mundo pretenda seguir funcionando sobre a “discriminación e a desigualdade”.
Esta mobilización é unha oportunidade para “dar un golpe na mesa” aos gobernos do Partido popular e dicirlles que as mulleres “estamos fartas da discriminación, das desigualdades e das políticas machistas e retrocesos sociais que fan que baixemos chanzos nesa escaleira a prol da igualdade”.
A portavoz do BNG, acompañada das deputadas, Olalla Rodil e Noa Presas, a Vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, a eurodeputada, Ana Miranda e diversos cargos electos e institucionais do BNG participaron na multitudinaria manifestación unitaria que se celebrou hoxe en Vigo e que terá a súa continuidade o vindeiro 8 de marzo coa folga xeral e mobilizacións nas grandes cidades galegas.