Ana Pontón: "O 12X hai que escoller entre o cambio galego do BNG ou o inmobilismo do PP"
Asegura que se ten a confianza dos e das galegas para ser presidenta “acábase o tempo da discriminación do concello de Carballo e ábrese o tempo da colaboración”
A líder nacionalista pediu unha gran mobilización nas urnas para abrir un tempo novo en Galiza: “ou inmobilismo do PP ou cambio galego da man do BNG”
A candidata á Presidencia, Ana Pontón, proclamou en Carballo que o 12 de xullo só hai dúas alternativas: “ou inmobilismo do PP ou o cambio galego da man do BNG”. Para conseguilo, pediu a todas as persoas que queren abrir un tempo novo “que se mobilicen de xeito masivo enchendo as urnas de papeletas do BNG para darlle a Galiza un goberno que se faga valer liderado, por primeira vez na historia deste país, por unha muller e por unha nacionalista”, proclamou.
Pontón, que trasladou o orgullo do traballo feito por Evencio Ferrero e a súa equipa no concello, confesou que unha das súas motivacións nesta cita electoral é “ser a presidenta dun Goberno alidado de Carballo”, e deixar atrás a discriminación da Xunta de Feixóo con este concello co que, lonxe de colaborar, non fixo senón poñer paus nas rodas.
“É aínda así os logros son incontestables e están á vista de todos e de todas, aínda así Carballo avanza, prospera, transformase en positivo, con ideas, con proxectos da man dun goberno do BNG, imaxinade o paso de xigante que vai poder dar Carballo cun Goberno da Xunta que colabore, que sume, que apoie as demandas deste concello e da súa veciñanza, ese é o Goberno que quero liderar a partir do 12 de xullo”, recalcou.
Pero tamén, -salientou-, “tendes o meu compromiso para sacar adiante a circunvalación, porque é unha demanda incontestable, porque a veciñanza ten toda a razón cando reclama un entorno seguro e con calidade de vida, e para iso é imprescindible aliviar o tráfico de vehículos pesados que hoxe cruzan a vila e darlle unha alternativa áxil comunicando con Santiago e e cara o sur do país”. Neste punto, un Goberno do BNG vai traballar man a man co goberno municipal, “e o mesmo faremos coa vella demanda de poñer en marcha as infraestruturas necesarias para abastecer de auga á costa, como é o caso de Razo e Baldaio, ou para evitar as inundacións derivadas da enchentes do Río Anllóns ao seu paso polo centro do concello”.
Forza política á alza
A candidata á Presidencia destacou que o BNG é unha forza política a alza: “cada vez máis xente percibe que Galiza ten futuro se cremos en nós mesmas, en nós mesmos, se nos facemos valer, máis xente cansa da Galiza submisa, estancada e irrelevante que nos deixa o candidato do PP e mira para o BNG para poñer en marcha un proxecto de modernización e avance económico e social”.
Pontón deixou claro que ante as urnas só hai dúas opcións: ou o inmobilismo do PP ou o proxecto de futuro do BNG, para saír adiante dunha crise que deixa miles de persoas nun ERTE, ERE, no paro, que deixa a miles de autónomos pendentes dun fío e, neste escenario, o BNG “non vai permitir que a paguen os de sempre” e, por iso, “a miña primeira decisión como presidenta será poñer en marcha un gran acordo de país para a reconstrución económica e social un acordo para erguer Galiza e darlle un futuro”. Se antes da pandemia era urxente un cambio galego, “hoxe é máis importante e necesario ca nunca”, recalcou.
Neste sentido, e ante a porcentaxe elevada de persoas que non teñen decidido o seu voto, a líder nacionalista fixo un chamamento instando a que se sumen á “onda de cambio galego que cada día vai a máis e que o fagan da man do BNG, porque temos un proxecto solvente, de futuro, porque non imos fallar e porque somos a mellor alternativa para desaloxar ao PP e con el as súas políticas de recortes, privatizacións e destrución do tecido industrial e dar paso a un Goberno que cree neste país, e no seu potencial”, salientou.
“O 12X temos a oportunidade de abrir portas e ventás e que entre aire fresco na Xunta, a oportunidade de abandonar o inmobilismo dun Feixóo que se esconda tras a pandemia para agochar once anos de fiasco que nos deixan unha Galiza en crise económica, social e política; unha Galiza con cero transferencias nunha década, cun avellentamento galopante e cunha crise demográfica reflexo da agónica situación socioeconómica e laboral que nos deixa o candidato do PP”, alegou.
Pero hai alternativa para lograr un cambio real, á que representa “o proxecto autocentrado, innovador e futurista” do BNG, -proclamou-, desde o convencemento de que “somos a única forza capaz de ofrecer unha solución de futuro con garantías, con seriedade e con solvencia contrastada, porque somos unha forza de fiar que demostramos do que somos capaces alí onde gobernamos como facemos aquí en Carballo”, concluíu.