Ana Pontón: "O 12X hai que escoller entre o cambio galego do BNG ou o inmobilismo do PP"

Acto Carballo
Acto Carballo

Asegura que se ten a confianza dos e das galegas para ser presidenta “acábase o tempo da discriminación do concello de Carballo e ábrese o tempo da colaboración”

A líder nacionalista pediu unha gran mobilización nas urnas para abrir un tempo novo en Galiza: “ou inmobilismo do PP ou cambio galego da man do BNG”

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, proclamou en Carballo que o 12 de xullo só hai dúas alternativas: “ou inmobilismo do PP ou o cambio galego da man do BNG”. Para conseguilo, pediu a todas as persoas que queren abrir un tempo novo “que se mobilicen de xeito masivo enchendo as urnas de papeletas do BNG para darlle a Galiza un goberno que se faga valer liderado, por primeira vez na historia deste país, por unha muller e por unha nacionalista”, proclamou.

Pontón, que trasladou o orgullo do traballo feito por Evencio Ferrero e a súa equipa no concello, confesou que unha das súas motivacións nesta cita electoral é “ser a presidenta dun Goberno alidado de Carballo”, e deixar atrás a discriminación da Xunta de Feixóo con este concello co que, lonxe de colaborar, non fixo senón poñer paus nas rodas.

“É aínda así os logros son incontestables e están á vista de todos e de todas, aínda así Carballo avanza, prospera, transformase en positivo, con ideas, con proxectos da man dun goberno do BNG, imaxinade o paso de xigante que vai poder dar Carballo cun Goberno da Xunta que colabore, que sume, que apoie as demandas deste concello e da súa veciñanza, ese é o Goberno que quero liderar a partir do 12 de xullo”, recalcou.

Acto Carballo Neste sentido, Pontón comprometeu o seu apoio aos proxectos estratéxicos longamente demandandos por Carballo en infraestruturas, en solo empresarial ou en servizos. “Apoiaremos esas lexítimas demandas desde a Presidencia dun goberno galego que terá a man tendida con este concello por primeira vez en once anos”, recalcou. Cuestións como a ampliación do Parque empresarial de Bértoa, ”xa o fixo o BNG desde a Xunta unha vez e volveremos facelo para que este concello non perda nin unha soa oportunidade de captar empresas e xerar emprego para Carballo e o resto da comarca”.

Pero tamén, -salientou-, “tendes o meu compromiso para sacar adiante a circunvalación, porque é unha demanda incontestable, porque a veciñanza ten toda a razón cando reclama un entorno seguro e con calidade de vida, e para iso é imprescindible aliviar o tráfico de vehículos pesados que hoxe cruzan a vila e darlle unha alternativa áxil comunicando con Santiago e e cara o sur do país”. Neste punto, un Goberno do BNG vai traballar man a man co goberno municipal, “e o mesmo faremos coa vella demanda de poñer en marcha as infraestruturas necesarias para abastecer de auga á costa, como é o caso de Razo e Baldaio, ou para evitar as inundacións derivadas da enchentes do Río Anllóns ao seu paso polo centro do concello”.

Acto Carballo“Carballo e a súa comarca van pasar a ser unha prioridade da man dun goberno implicado coas necesidades deste concello e da súa veciñanza. Desde aqui o meu compromiso de que, se teño a confianza dos galegos e das galegas, a partir do 12 de xullo acabouse o tempo da discriminación e do maltrato con Carballo e empeza o tempo da colaboración e do traballo conxunto entre o Goberno galego e o goberno deste concello”, proclamou.

Forza política á alza

A candidata á Presidencia destacou que o BNG é unha forza política a alza: “cada vez máis xente percibe que Galiza ten futuro se cremos en nós mesmas, en nós mesmos, se nos facemos valer, máis xente cansa da Galiza submisa, estancada e irrelevante que nos deixa o candidato do PP e mira para o BNG para poñer en marcha un proxecto de modernización e avance económico e social”.

Pontón deixou claro que ante as urnas só hai dúas opcións: ou o inmobilismo do PP ou o proxecto de futuro do BNG, para saír adiante dunha crise que deixa miles de persoas nun ERTE, ERE, no paro, que deixa a miles de autónomos pendentes dun fío e, neste escenario, o BNG “non vai permitir que a paguen os de sempre” e, por iso, “a miña primeira decisión como presidenta será poñer en marcha un gran acordo de país para a reconstrución económica e social un acordo para erguer Galiza e darlle un futuro”. Se antes da pandemia era urxente un cambio galego, “hoxe é máis importante e necesario ca nunca”, recalcou.

Neste sentido, e ante a porcentaxe elevada de persoas que non teñen decidido o seu voto, a líder nacionalista fixo un chamamento instando a que se sumen á “onda de cambio galego que cada día vai a máis e que o fagan da man do BNG, porque temos un proxecto solvente, de futuro, porque non imos fallar e porque somos a mellor alternativa para desaloxar ao PP e con el as súas políticas de recortes, privatizacións e destrución do tecido industrial e dar paso a un Goberno que cree neste país, e no seu potencial”, salientou.

Acto CarballoProxecto autocentrado, innovador e con futuro

“O 12X temos a oportunidade de abrir portas e ventás e que entre aire fresco na Xunta, a oportunidade de abandonar o inmobilismo dun Feixóo que se esconda tras a pandemia para agochar once anos de fiasco que nos deixan unha Galiza en crise económica, social e política; unha Galiza con cero transferencias nunha década, cun avellentamento galopante e cunha crise demográfica reflexo da agónica situación socioeconómica e laboral que nos deixa o candidato do PP”, alegou.

Pero hai alternativa para lograr un cambio real, á que representa “o proxecto autocentrado, innovador e futurista” do BNG, -proclamou-, desde o convencemento de que “somos a única forza capaz de ofrecer unha solución de futuro con garantías, con seriedade e con solvencia contrastada, porque somos unha forza de fiar que demostramos do que somos capaces alí onde gobernamos como facemos aquí en Carballo”, concluíu.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG