A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, fixo unha primeira valoración do envío “conseguido en dous días” do informe por parte da Axencia Ferroviaria Europea (AFE) ao xulgado instrutor do accidente Alvia, bloqueado durante meses nalgún xulgado francés ou español. “Grazas ao traballo do BNG, a petición das vítimas do Alvia, foi posible que se fixera posible un envío tan importante para a investigación deste accidente”, subliña Miranda.
Unha vez que o xuíz instrutor do caso fixo público que aínda non recibira o devandito informe, as vítimas solicitaron, a fin de semana pasada, á eurodeputada do Bloque que fixese de intermediaria para conseguir axilizar o proceso. E precisamente dous días foi o tempo que esta institución tardou en remitir o documento directamente ao xulgado unha vez que Ana Miranda realizou as xestións, “algo que as autoridades francesas e españolas non foron capaces en seis meses”.
“Está claro que neste tema hai unha incompetencia manifesta”, indica a deputada ante a demora do proceso. O informe da Axencia Europea, por un lado mantén a prudencia, en tanto que recoñece que unicamente recolle a súa “opinión” e que o Tribunal de Xustiza Europea é a única institución comunitaria “habilitada para ofrecer unha interpretación preceptiva da lexislación da UE”.
Contraposición a Adif e Renfe
O documento da Axencia Ferroviaria Europea, por outro lado, contradí os argumentos empregados por Adif e Renfe ao longo do procedemento, centrados na culpabilización do maquinista. Pola contra, a Axencia Ferroviaria europea considera que a desconexión do sistema de seguridade ERTMS, autorizada por Andrés Cortabite un ano antes do sinistro, supón “cambios que se cualificarían razonablemente como significativos e cun impacto na seguridade, cuxos riscos débense avaliar sistematicamente” non só por Adif e Renfe senón tamén por “un organismo de avaliación independente”, algo que non se fixo.
Asemade, o informe sinala que tanto Adif como Renfe debían ter en conta o risco de descarrilamento por exceso de velocidade, pero a empresa contratada por Adif para avaliar os riscos (Ineco) analizou o trazado ata xusto antes de Angrois pero non esa curva.
Na actualidade, ademais do maquinista están imputados Andrés Cortabite e Antonio Lanchares, como directores de Seguridade na Circulación de Adif e Renfe, ao considerar as instancias xudiciais que puideron incumprir a normativa de seguridade. “Non pode ser que finalmente o único imputado sexa o maquinista. Aspiramos a que os máximos responsables políticos e técnicos acaben sendo imputados pola morte de 81 persoas”.
O seguinte paso deste proceso terá lugar o vindeiro martes, cando a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, e unha delegación da Asociación de Vítimas do Alvia 04155, manterán unha reunión coa Comisaria europea de Mobilidade e Transporte, Victoria Bulc.