Ana Miranda critica a petición electoralista de fondos europeos de último minuto do Estado para a ría do Burgo
A eurodeputada e titular da Comisión de Peticións recibiu resposta da Comisión Europea sinalando que o Estado non solicitara fondos FEDER para o dragado da Ria do Burgo
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, considera que o anuncio do Ministerio de Transición Ecolóxica para solicitar fondos FEDER para o dragado da Ria do Burgo, a tres dias das eleccións xerais é profundamente oportunista. Miranda considera que esta decisión de último minuto non ten coherencia xa que sen orzamento aprobado para cofinanciar “é un canto de serea”.
A eurodeputada do BNG lembra que seis anos despois da visita da delegación do Parlamento Europeo, e despois de falsas promesas dos gobernos PP e PSOE, a ría do Burgo segue sen dragado, sen retirar os lodos e sen analizar por que se produce esa excesiva sedimentación. “Temos un gran problema medioambiental, pero tamén económico e laboral”, manifestou, lembrando que nesta ría houbo máis de 2.000 mariscadoras en activo, mentres que neste momento son 81 as persoas que se dedican á actividade extractiva.
Ana Miranda lembra que nas reunións que celebraron en febreiro deste ano coa Comisión Europea “confirmáronlle que o Estado non solicitara aínda os fondos que estaban dispoñibles a nivel europeo”. En marzo, a eurodeputada do BNG recibiu unha nova confirmación do executivo comunitario a unha pregunta parlamentar na que reafirmaban a ausencia da petición.