O BNG esixe ao goberno central e a Xunta que acometan o saneamento integral da ría do Burgo
A eurodeputada Ana Miranda e o eurodeputado Miroslavs Mitrofanovs comprobaron a contaminación que provoca a acumulación de lodos e criticaron a falta de vontade política para rexenerala
Seis anos despois da visita á ría do Burgo realizada por unha delegación internacional de eurodeputados e eurodeputadas da Comisión de Peticións da Eurocámara, a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, e o eurodeputado letón Miroslavs Mitrofanovs comprobaron que a contaminación nesta ría persiste e que a acumulación de lodos continúa sendo un problema sen resolver.
Miranda e Motrofanovs, ambos membros da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, participaron nun encontro co presidente e integrantes da Confraría de Pescadores da Coruña e representantes das mariscadoras afectadas, así como a candidata número 2 do BNG ao Congreso, María Xosé Bravo, o candidato do Bloque á alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, e representantes do BNG local, como Antonio Chouciño, entre outros.
“Hai fondos europeos pero o dragado da ría do Burgo, o que non hai é vontade política para acometela”, salientou Ana Miranda no transcurso do encontro, polo que instou á Xunta e ao goberno central a levar a cabo o seu saneamento integral. Neste sentido lembrou que a Comisión de Peticións, na súa sesión do 21 de xaneiro, decidiu manter aberta a petición presentada pola Confraría de Pescadores da Coruña tras analizar a información trasladada polo seu presidente, Felipe Canosa.
A eurodeputada do BNG considera indispensable acometer o dragado desta ría co obxectivo de subsanar a deficiencia do seu saneamento. “Non pode haber escusas nin por parte do goberno galego nin por parte do goberno do Estado”, engadiu, ao tempo que criticou que os respectivos gobernos prefiran pagar as multas que impón a Unión Europea a sanear as rías.
Compromiso na Comisión de Peticións
Mirovslavs Mitrofanovs, -biólogo de profesión-, pola súa banda agradeceu a Miranda a posibilidade de ver cos seus “propios ollos” a existencia da contaminación na ría do Burgo. “Nas reunións da Comisión de Peticións poderei dicir que comprobei in situ a existencia de lodos, xa que esta petición está sendo estudada”, manifestou. Ademais, mostrou a súa estrañeza por que as administracións galega e estatal non teñan interese en sanear as rías e mellorar a calidade das augas e potenciar as actividades económicas que se derivan delas.
Orzamentos do Estado
“O BNG esixirá no Parlamento do Estado que a ría do Burgo volva á axenda e que se faga público o seu proxecto de rexeneración integral”, asegurou María Xosé Bravo. A candidata do Bloque ao Congreso recalcou que este proxecto ten que “aparecer a partida necesaria para facer a rexeneración integral porque a ría do Burgo ten un gran potencial económico e en postos de traballo”. Neste sentido lembrou que nesta ría houbo máis de 2.000 mariscadoras en activo, mentres que neste momento son 81 as persoas que se dedican á actividade extractiva. “O Bloque nunca apoiaremos uns orzamentos que non traian a partida necesaria para a rexeneración integral da ria do Burgo”, concluíu.