As alcaldesas e alcaldes do BNG subscriben un manifesto en defensa da sanidade pública e do dereito a saúde da súa veciñanza
Pontón denuncia a voadura programada que o PP fai da sanidade pública: “Non queremos un sistema no que en lugar de pedirche a tarxeta sanitaria, che pidan a tarxeta de crédito”
Os concellos reafirman o compromiso de ser “axentes activos” a favor da sanidade pública, tanto nas institucións como na rúa coa cidadanía
O manifesto inclúe un decálogo de propostas: plan de choque de 200 M€ para atención primaria, medidas para captar e fidelizar persoal sanitario, reducir as listas de espera hospitalarias ou garantir atención pediátrica
Denuncia que o PP ignorou deliberadamente durante anos a planificación do persoal sanitario, pese a coñecer as xubilacións previstas
Os concellos liderados polo BNG asumen o compromiso de seguir dando a batalla por unha sanidade pública de calidade e, convocados en Santiago pola portavoz nacional, Ana Pontón, os alcaldes, alcaldesas e cargos municipais electos subscribiron un manifesto en defensa da sanidade pública, onde declaran que non van asumir que se poña en perigo o dereito á saúde da súa veciñanza e da cidadanía.
“Os concellos do BNG non imos aceptar como normal que haxa listas de espera de até quince días para poder ter unha cita presencial nos centros de saúde; nin que haxa PACs sen facultativos; nin que se supriman as urxencias en primaria; nin que haxa miles de nenos e de nenas nos nosos concellos sen pediatra asinado; nin que a nosa veciñanza teña que soportar urxencias hospitalarias saturadas con horas de espera para recibir atención”, indican no manifesto.
Por contra, as alcaldías do BNG reafirman que serán “axentes activos na defensa dunha sanidade pública de calidade e universal”, ao tempo que lle piden ao Executivo popular, “que rectifique a súa estratexia de acoso á sanidade pública a base de recortes e privatizacións, que pon en risco a saúde e a vida dos nosos veciños e veciñas e do conxunto da cidadanía”.
Neste sentido, os alcaldes e alcaldesas nacionalistas proclaman que van estar sempre do lado da xente e a favor do sistema público de saúde, “tanto desde as institucións como na rúa, loitaremos ao seu carón en defensa do dereito a saúde”, recalcan.
A líder do Bloque destacou que esta iniciativa obedece a que a situación é “límite”, de aí o manifesto de apoio á sanidade pública contra a “voadura programada” dun PP “que se ten convertido nun perigo para a saúde dos e das galegas”. O manifesto inclúe un decálogo de propostas para darlle a volta ós recortes e privatizacións.
E esa estratexia de voadura programada, indicou Pontón, resulta evidente cando, de xeito deliberado, o Partido Popular ignorou a súa responsabilidade de planificar a correcta dotación de persoal, “unha total falta de planificación do Goberno do PP que, durante anos, nada fixo para afrontar o relevo do persoal sanitario malia coñecer as xubilacións previstas”, denunciou.
Soberbia e prepotencia ante á cidadanía
Un déficit de persoal derivado desa deliberada inacción política ao que se suma a precariedade e o maltrato laboral os e as profesionais, “o que fai que fuxan sobre todo na atención primaria, como demostra que unha parte importante das prazas MIR non se cobren o que, tras facer a formación en primaria, unha parte significativa renuncia á praza”. “Todo isto é un cóctel explosivo que atenta contra o dereito á saúde”, alega.
Neste contexto, Pontón esixe ao Goberno do PP, en particular ao señor Rueda como máximo responsable, “que deixe a súa soberbia e a súa prepotencia ante a cidadanía, que deixe de faltarlle ao respecto aos galegos e ás galegas que saen a rúa masivamente para facer o que o presidente da Xunta debería facer: defender unha sanidade pública de calidade”.
Igualdade ante a enfermidade
“En definitiva, hoxe volvemos dicir alto e claro que queremos unha sanidade pública forte, que non imos permitirlle ao PP que continúe demolendo unha conquista que ten detrás tanto esforzo, porque é a garantía de que todas as persoas son iguais ante a enfermidade. O BNG non quere un sistema no que en vez de pedirche a tarxeta sanitaria, che piden a tarxeta de crédito, ese é o modelo que defende o PP e implica un retroceso que non podemos permitir baixo ningunha circunstancia”, concluíu Pontón.
O manifesto inclúe un decálogo de propostas para sacar atención primaria do colapso, reducir as listas de espera e garantir que, por exemplo, todos os nenos e as nenas, con independencia do seu lugar de residencia, teñan pediatra asinado.
Investir máis en Atención primaria
Deste xeito, forma parte do decálogo de medidas, en primeiro lugar, un Plan de choque de 200 M€ para atención primaria; segundo, o incremento progresivo do investimento en atención primaria até acadar o 25% do total do orzamento destinado á sanidade, como recomenda a OMS; terceiro, recuperar as xerencias con orzamentos específicos e con capacidade resolutiva. Como cuarto punto, Plan de choque para acabar coas listas de espera na atención hospitalaria.
Como quinta proposta, dotar aos centros de saúde de novos servizos sanitarios, incorporando psicoloxía clínica, terapia ocupacional, podoloxía ou optometría. Sexto, garantir a presenza de equipos completos en todos os PACs, por ser nada menos que o servizo de urxencias de primaria, así como garantir atención pediátrica en todos os concellos.
O decálogo inclúe tamén a proposta de reabrir todos os consultorios pechados durante a pandemia, e medidas para reforzar o persoal sanitario. Así, como punto nove do decálogo de aportacións, un plan de retorno, captación e fidelización de persoal sanitario, con ofertas competitivas para evitar que sigan marchando fora do sistema público tras a súa formación. E, finalmente, tamén se reclama dotar ao servizo de transporte sanitario urxente dos medios necesarios, tanto no que se refire a ambulancias e ambulancias medicalizadas, como a persoal cualificado.