Ana Pontón insta á cidadanía a dar unha resposta masiva na rúa en defensa da sanidade pública o 12F
Propón blindar por lei a atención primaria, á que o Goberno do PP destina un 14% do gasto sanitario, moi por debaixo do 25% que recomenda a OMS
“Por cada 1.000 habitantes, Galiza ten menos dun médico ou médica e menos dun enfermeiro ou enfermeira en atención primaria”, denuncia
A portavoz nacional, Ana Pontón, reuniuse esta mañá no Parlamento cunha representación da plataforma SOS Sanidade Pública encabezada polo seu portavoz, Manuel Martín, na que puxeron en común a situación do sistema público de saúde.
A líder do Bloque trasladou o total apoio do BNG á manifestación en defensa da sanidade pública convocada para o 12 de febreiro en Santiago de Compostela, instando a participar a toda a cidadanía. “A mobilización social segue a ser unha poderosa arma de defensa dunha sanidade pública de calidade, fronte a un Goberno do PP que se ten convertido nun perigo para a saúde dos galegos e das galegas”, declarou.
Tras trece anos de recortes e privatizacións, o goberno do Partido Popular destina a atención primaria só o 14% do total do gasto sanitario, moi lonxe do 25% que recomenda a Organización Mundial da Saúde. Pontón tamén puxo sobre a mesa outros datos que demostran as consecuencias dos recortes e da privatización.
Por exemplo, corrixido o efecto da inflación, o investimento en atención primaria previsto nos orzamentos de 2023 é 300.000 euros menos con respecto aos orzamentos de 2009, igualmente, segundo o último informe da Federación de Asociacións en defensa da sanidade pública, Galiza ten o terceiro gasto en atención primaria máis baixo de todo o Estado (188€) e, en materia de persoal médico, Galiza ten 0,84% médicas e médicos por cada mil habitantes e 0,73% enfermeirxs por cada mil habitantes, “non chega nin a un facultativo ou persoal de enfermería por cada mil habitantes”, criticou.
Datos, recalca Pontón, que teñen a súa translación coa realidade que viven os galegos e as galegas cando precisan da sanidade pública: unhas urxencias saturadas, baixas que non se cobren, PACs sen persoal médico, propostas de pechar centros de saúde, propostas de que o persoal de enfermería substitúa ao persoal médico, a consolidación das listas de espera en atención primaria ou miles de nenos e nenas que non teñen pediatra asignado.
Fronte a iso, a estratexia do BNG pasa por “poñer máis investimento enriba da mesa para reverter a situación de recortes e privatizacións da sanidade pública, sen demora, porque está en xogo a vida da xente”, subliñou.
Pontón avanzou as alternativas propostas polo Bloque, que comezan por blindar por lei o financiamento da atención primaria até acadar as cifras recomendadas pola OMS. Igualmente propón máis recursos, cun plan de choque de 200 millóns de euros, a transferencia e planificación da formación MIR ou ampliación da carteira de servizos con novas especialidades como a de psicoloxía clínica.
A portavoz nacional fixo un chamamento á cidadanía para manifestarse pola defensa do seu dereito a unha sanidade pública de calidade, ademais de reiterar o compromiso do BNG para seguir traballando no Parlamento, nas institucións e na rúa, concluíu.