Adán: "A Presidenta do Consello Económico e Social minte sobre o plan de austeridade do CES"

A deputada nacionalista acusa ao CES de non aportar informes “neutrais e independentes” sobre a situación económica e social galega como marca a Lei polo que foi creado

Carme Adán afirmou hoxe, trala comparecencia da Presidenta do Consello Económico e Social, que esta institución non segue o espírito de “neutralidade e independencia” nos informes que debe realizar sobre as políticas económicas galegas e acusou a súa titular, Corina Porro de “mentir sobre a austeridade” no CES.

Falso Plan de axuste e austeridade no CES

Sobre esta cuestión, Adán criticou que a Presidenta do Consello Económico e Social afirmara que este plan de axuste responde aos tempos nos que estamos ao que a deputada do BNG preguntou se o Plan tamén se refire ao anexo de gastos de persoal cunha baixada do 3,1 recollido na memoria dos Orzamentos e “ningunha baixada nos gastos de persoal e salarios da presidencia e do secretario xeral”.

Adán incidiu en que mentres a presidencia e a secretaría xeral non experimentan unha baixada nos soldos, reducen os salarios do persoal laboral do Consello o que indica, afirmou, que “a crise parece que non lle afecta a todos por igual”.

A deputada do BNG acusou a Presidenta do Consello Económico e Social de “mentir” sobre este plan de axuste e denunciou que tampouco aparece reflectido nos orzamentos.

O CES non aporta informes para o desenvolvemento económico e social en Galiza

Na súa intervención, a nacionalista explicou que no ano 2012 textos lexislativos que modificaron as condicións d@s traballador@s da función pública, “non pasaron por informes do Consello Económico e social” e tampouco se produciu crítica algunha da Presidenta desta institución sobre o “abuso” na tramitación de urxencia ou lectura única para modificar aspectos fundamentais do desenvolvemento económico de Galiza como o referido a medidas temporais de emprego público ou a Lei de acompañamento dos orzamentos do 2012 que modificou substancialmente dereitos básicos para o emprego.

Adán instou á presidenta do Consello Económico e Social a analizar os Orzamentos para o ano 2013 porque , na súa opinión, inciden “nunha maior recesión” polo que se fai necesario un informe negativo dos mesmos por parte do CES.

A parlamentaria nacionalista lembrou que o propio presidente da Xunta de Galiza afirmou, na última campaña electoral, que este consello sería eliminado, intención, dixo que dende o BNG non compartimos porque “cremos que debe dar sentido a Lei pola que foi creado” debe ser “neutral e imparcial” e analizar a situación económica na que nos atopamos aportando propostas que incidan no autogoberno galego.