Adán pide que os concellos negocien "directamente" coa Xunta os convenios de Servizos Sociais

A deputada censurou que os concellos carezan de presenza nos órganos de Goberno da Axencia Galega de Servizos, responsábel de mudar as condicións dos convenios para a xestión e financiamento e de mudar as condicións dos convenios asinados no seu día co Consorcio

A deputada do BNG, Carme Adán reclamou hoxe, a través dunha Proposición non de lei “suspender o proceso” iniciado pola Consellería de Traballo e Benestar para formalizar os novos convenios entre a Axencia Galega de Servizos Sociais e os concellos para a xestión e financiación de equipamentos de servizos sociais.

Na proposta, Adán tamén reclamou que FEGAMP e Comisión Galega de Cooperación Local establezan os criterios para os novos convenios así como “manter as condicións” pactadas entre os concellos e o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar “até o remate do período pactado”.

Convenios de Servizos sociais non consensuados cos concellos

Tras a intervención da portavoz do PP, Marta Rodríguez, a nacionalista replicou que a lei do 2008 non establece que o Consorcio Galego de Igualdade sexa asumido pola Axencia Galega de Servizos de Benestar e “en ningún artigo” aparece esa integración, pero vostedes, explicou, decidiron ese cambio no 2013. Os convenios non foron consensuados cos concellos porque foron remitidos por carta pola conselleira a cada alcalde ou alcaldesa, polo tanto, “de maneira unilateral”, explicou.

A parlamentaria insistiu que os concellos piden “suspender o proceso” e abrir unha negociación entre a FEGAMP e Corporación Galega de Cooperación Local para asegurar o mantemento das condicións asinadas ata o 2016-17 e 2018. Ademais, dixo, existe outro problema ao informar aos concellos que non teñen a obriga de asinar os novos convenios, sobre todo no que atinxe ás escolas infantís a pesar de que non é “en ningún caso” unha competencia municipal.

A deputada demandou o voto favorable á iniciativa nacionalista que apela “o diálogo” entre concellos e Goberno galego na procura da mellor forma de xestionar un “mapa de servizos sociais” que vostedes, criticou, están a utilizar como “chantaxe”.

Adán concluíu a súa intervención acusando ao Partido popular de “sectarismo político” por disolver o Consorcio de Igualdade e lamentou o voto contrario do Partido popular á proposta do BNG.