Vence: "Temos que coller o futuro nas nosas mans ou seremos conducidos por mans de poderes alleos"
Unha pantasma recorre Europa: a vontade dos pobos a decidir por si propios, a vontade de romper as dependencias alleas, tanto dos poderes económicos e financeiros como dos Estados que lles serven de instrumento , arrancaba o portavoz nacional, Xavier Vence, o acto organizado polo BNG en Santiago baixo o lema Polo dereito a decidir dos pobos, no marco dos referendos soberanistas convocados por Escocia e Catalunya.
Vence subliñou que as aspiracións nacionais dos pobos deben ser percibidas con normalidade democrática, e puxo como exemplo os 15 novos Estados que se crearon en Europa só desde a década dos noventa, nun proceso que segue en marcha e é imparable porque somos pobos con historia e maiores de idade para rexer os nosos destinos.
É máis, o dirixente nacionalista puxo de releve a necesidade de camiñar cara a soberanía. Sentimos que ou tomamos o futuro nas nosas mans, baixo a nosa responsabilidade, ou podemos vernos conducidos ao esmorecemento en mans de poderes alleos, recalcou Vence, esmorecemento cultural, dos nosos sinais de identidade, esmorecemento económico e demográfico. É o futuro como pobo o que está en xogo, advertiu, e por iso compre reaccionar.
Forzas propias contra o derrotismo
O portavoz do Bloque amosouse convencido de que Galiza avanzará, ao seu propio paso, cara o soberanismo. Avanzaremos, recorreremos o noso propio camiño, ao ritmo que decidan os galegos e as galegas, pero recorrerémolo, sen dúbida, salientou Vence, quen destacou o papel que debe xogar o BNG para erguer a autoestima da sociedade, a confianza nas nosas propias forzas e capacidades e para vencer ao derrotismo, veña de onde veña.
Neste sentido, o portavoz nacional fixo referencia ao proceso de asembleas abertas iniciado polo Bloque, para ensanchar a base social do nacionalismo, para organizar a pluralidade da cidadanía que busca mudar a realidade e que queremos teña no proxecto nacionalista a ferramenta e o referente para facelo, explicou.
O BNG é o motor ilusionado para construír o futuro para esta nación e para sacar do poder a ese mercenario de Feijóo, hooling e chulapote de barrio entregado servilmente aos lobbies de Madrid.
Vence deixo claro que o Bloque vai facer todo o posible para impedir que o PP mude as regras de xogo para prevalecer nas institucións mesmo sen ter a maioría social. Temos plena vontade de impedir a perda de vigor democrático das nosas institucións, recalcou en referencia á reforma que pretende recortar o Parlamento galego é á reforma electoral.
Imperialistas fracasados
Volveu advertir contra a reacción centralista dun Estado español falido que, citando a Castelao, está en mans de imperialistas fracasados. Esa recentralización do poder político e económico, as dúas caras da mesma moeda, están provocando unha perda de status institucional e de recursos para Galiza, coa complicidade do Goberno galego.
Non podemos tolerar que Feijóo diga amén a costa de sacrificar os nosos investimentos e o noso futuro. Cantos diques flotantes se poderían construír en Ferrol cos 4.600 millóns de euros para rescatar as autoestradas radiais madrileñas? Cantos empregos na industria, na agricultura, cantos recursos para a educación ou a sanidade públicas?, interpelaba Vence na súa intervención.
O acto Polo dereito dos pobos a decidir, que encheu a praza compostelá do Toural, tamén contou coas intervencións de Lucia Veciño, en representación de Galiza Nova, e da secretaria de Política Internacional, Ana Miranda.