Vence: "O PP espolia ás familias a través da explotación salarial, fiscal e como consumidores"
Neste contexto, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, denuncia que non se trata de medidas illadas, senón dun auténtico espolio das familias en base a unha planificada estratexia do PP que aproveita a crise para mudar o modelo do Estado do benestar, cun empobrecemento progresivo da poboación.
Asistimos a un atraco sistemático da poboación por parte do PP en beneficio dunha minoría, asistimos a unha auténtica transfusión de sangue desde a maioría social aos oligopolios bancario, eléctrico e as concesionarias, o que nos fai pensar no simbolismo real do lugar elixido por Feijóo para dar a súa mensaxe de fin de ano, denuncia Vence.
Para o dirixente nacionalista estamos ante unha transferencia de recursos desde a maioría social aos lobbies económicos a través dunha triple explotación: explotación laboral pola vía das baixas salariais, explotación fiscal pola vía dos impostos regresivos e explotación como consumidores pola vía da subida do prezo de todos os servizos básicos para a cidadanía.
Pobreza enerxética
Neste sentido, o BNG fixo especial fincapé no incremento da factura da luz que, segundo explicou a portavoz parlamentar de Industria, Carme Adán, pasou de 48 a 80 euros mensuais en apenas seis anos, o que converte un servizo básico nun artigo de luxo, todo a maior gloria das grandes empresas hidroeléctricas cuxos beneficios non paran de subir.
En catro anos duplicouse a cifra de fogares aos que se lles cortou a luz dando lugar a unha nova realidade social que coñecemos como pobreza enerxética, razón pola o BNG presentou unha serie de iniciativas no Parlamento na que se demanda á Xunta a paralización da subida da luz e medidas para evitar o corte deste servizo en inverno, como xa fixeron Catalunya, Francia ou Alemaña.
Adán advertiu que o incremento da luz non só grava ás rendas familiares senón tamén as empresas, restándolle capacidade de competir e polo tanto actúa como freo da recuperación económica, de aí a demanda dunha tarifa eléctrica galega acorde coa nosa condición de país produtor excedentario de enerxía eléctrica, explicou.
Continúa a destrución de emprego
O portavoz nacional do BNG salientou que os datos de paro do último trimestre deixa un balance desolador do mercado laboral e son o mellor reflexo dos desastrosos resultados das políticas de Feijóo, e desmenten as súas bravatas en torno a unha suposta recuperación económica.
Vence argumentou que os datos amosan que a redución de emprego en Galiza duplicou a media estatal e que afecta non só aos sectores da construción e da hostalería, senón tamén ao sector industrial. Galiza pecha 2013 con 15.757 afiliados menos á Seguridade Social e 271.000 parados, o que evidencia que as medidas do presidente da Xunta de recortes, aumento de prezos e fiscalidade regresiva só provocan máis desemprego e máis sufrimento.